O presidente da Xunta interveu no acto de conmemoración dos 20 anos do Estatuto da capitalidade de Santiago

Rueda resalta a importancia da Galicia unida para afrontar os retos do futuro desde a cooperación institucional e a cogobernanza

Refírese á Comunidade como un denominador común para seguir camiñando xuntos e a cidade compostelá como un punto de encontro

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe a importancia da Galicia unida para afrontar os retos do futuro desde a cooperación institucional e a cogobernanza. Deste xeito, referiuse á Comunidade como un denominador común para seguir camiñando xuntos e a cidade compostelá como un punto de encontro.

 

Sobre este punto, recordou que pese os debates que precederon á aprobación do Estatuto de capitalidade nos primeiros pasos da autonomía, o afán por traballar xuntos desde todos os recunchos é o primordial. A este respecto, o titular da Administración galega explicou que é lexítimo que desde posicións institucionais se defenda o orgullo de ser de algures e os intereses dos veciños, sempre que non se empregue o territorio para confrontar. “Ao final hai que chegar a acordos, hai que ceder e converxer no que é lóxico”, engadiu.

 

Ademais e en relación á colaboración institucional existente entre o Goberno galego e o Concello de Santiago de Compostela, que tal e como subliñou supera as marxes do Estatuto de capitalidade, Rueda fixo referencia aos 2,3 M€ aprobados hai unhas semanas no Consello e que se xustifican pola presión de servizos que implica acoller ás principais institucións autonómicas.

 

Tamén a outras iniciativas e proxectos estratéxicos que fixeron “máis cidade” e reforzaron o seu potencial como a ampliación do CHUS, cun investimento de case 70 M€; a estación de autobuses integrada na intermodal ou a restauración da Catedral. Un balance, destacou, que ten un equivalente noutras cidades galegas, xa que a Xunta por obrigación e convicción concibe a Galicia como un todo.

 

Nese sentido, concluíu a súa intervención sostendo que o Goberno galego é o primeiro que é consciente de que para levar á Comunidade a novas cotas de benestar e prosperidade é necesario unir forzas, esforzo e potencial. “Podemos ter diferentes puntos de vista pero temos un espírito de cohesión social en cousas que a todos nos unen que é o que nos permite chegar a acordos”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2022