Este posto estaba vacante desde o falecemento de José Ramón Ónega

Juan Carlos Serrano, novo director da Casa de Galicia en Madrid

O exalcalde de Portomarín amosa a súa intención de converter esta institución “nun portal da Xunta para toda España” e “punto de encontro” da galeguidade e da Galicia emigrada
 

Garante o seu traballo para erixila en “referente” no mundo empresarial, cultural, deportivo e científico
 

Sitúa entre os eixes fundamentais da súa dirección a difusión da imaxe e da promoción turística de Galicia, desde a costa ata o interior
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022 A Xunta de Galicia designou ao exalcalde de Portomarín Juan Carlos Serrano novo director da Casa de Galicia en Madrid. Este posto estaba vacante desde o falecemento de José Ramón Ónega, en febreiro do pasado ano.

 

Durante os seus dez anos rexendo o Concello de Portomarín demostrou un amplo coñecemento do Camiño de Santiago e do Xacobeo. Exerceu como presidente da Mancomunidade do Camiño de Santiago e promotor do protocolo fundacional ‘Observatorio Xacobeo’ que deu lugar á Asociación do Camiño, integrada por 120 municipios e da que formou parte da directiva como tesoureiro. Juan Serrano tamén é empresario e foi senador por designación autonómica.

 

O novo director explicou que procurará que a Casa de Galicia en Madrid sexa un “portal da Xunta para toda España” e adiantou a súa pretensión de que se converta nun “punto de encontro para a galeguidade”, á vez que un “lugar de encontro da Galicia emigrada” e un “referente” para o mundo empresarial, cultural, deportivo e científico.

 

Neste senso, Serrano comprometeuse a “traballar intensamente” para que as empresas galegas que queiran darse a coñecer en Madrid atopen na Casa de Galicia un apoio “firme e constante”. De igual xeito, manifestou a súa intención de seguir dándolle pulo á obra dos artistas, colectivos profesionais e intelectuais galegos, aos que lle garantiu que continuarán atopando “acollida e sensibilidade” nesta institución.

 

Promoción turística de Galicia

O novo director tamén situou entre os eixes fundamentais do seu traballo a difusión da imaxe e da promoción turística de Galicia en Madrid. Ademais da difusión da Ruta Xacobea, amosou o seu compromiso de difundir o potencial da costa galega e tamén os valores naturais da Galicia de interior, entre os que citou o referente termal no que se ten erixido a provincia de Ourense.

 

Para Serrano, a forza económica de Madrid e a maior proximidade que supuxo a chegada do AVE a Ourense fai da Casa de Galicia un “lugar de oportunidades” para os “excelentes” produtos galegos. “A Casa de Galicia ten desde hoxe mesmo as portas abertas a todos os galegos e galegas e amigos de Galicia”, proclamou o novo director.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2022