Fernández-Tapias e Anxo M. Lorenzo entregan os premios de Socios de Honra da Biblioteca Compañel de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo e o director xeral de Cultura participaron este mércores nos actos con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas

Tamén asistiron a unha sesión de contacontos con Trinketrinke Teatro coa peza O cole de Lonxedetodo, dirixido a nenos maiores de 4 anos

Vigo, 11 de xaneiro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron este mércores nos actos programados con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas e entregaron os premios de Socios de Honra.

 

Os representantes autonómicos acudiron á Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, onde estaban programadas dúas quendas de visitas guiadas, ás 12,00 e ás 18,00 horas, así como o nomeamento dos socios de honra aos tres usuarios infantís e tres adultos con máis préstamos.

 

Ademais, asistiron a unha sesión de contacontos con Trinketrinke Teatro coa peza O cole de Lonxedetodo, dirixido a nenos maiores de 4 anos, e realizaron un sorteo de dous lotes de libros entre os usuarios que empregaron a biblioteca o Día do Usuario/a.

 

Os datos do ano 2022 apuntan a que a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel concedeu preto de 190.000 préstamos, superando aos anos 2021 (176.596) e 2020 (133.357). Respecto das obras máis demandadas en galego, sitúase en primeiro lugar O que a marea esconde, da escritora María Oruña, seguida de O Bichero, A praia dos afogados, O souto dos catro ventos e Sen piedade. En castelán, o ránking o lidera Ojos de agua, de Domingo Villar, por diante de Lluvia fina, La mansión, Aquitania e Rosma soy yo.  

 

Durante as visitas celebradas e co obxectivo de dar a coñecer como funciona a biblioteca e o que se pode atopar nela, visitáronse as distintas seccións, mostrando os seus fondos e levando a cabo exemplos de procuras bibliográficas no catálogo automatizado por parte do persoal técnico da biblioteca.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2023