Conde reúnese coa Federación Galega de Comercio para presentarlle as liñas de apoio e iniciativas da Xunta para 2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca que a Xunta fomentará este ano a modernización e a mellora competitiva do pequeno comercio e da artesanía con novos programas de dixitalización e comercialización

Sinala que o traballo do tecido comercial, xunto ás medidas impulsadas polo Goberno galego, explican que as vendas polo miúdo crecesen ata novembro de 2017 un 1,7%
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, para coñecer de primeira man as propostas deste colectivo e para presentarlle as axudas e iniciativas da Xunta para 2018 dirixidas ao fomento da actividade comercial.

Conde destacou o impulso do Goberno galego a este sector, que apoiará en 2018, entre outras actuacións, cunha liña de axudas dotada con preto de 4,5 millóns de euros para a modernización e impulso do pequeno comercio e dos obradoiros artesanais galegos a través de tres iniciativas que abranguen desde proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; ata programas da competitividade da artesanía galega.

O obxectivo destas convocatorias, que, segundo apuntou Conde, se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas vindeiras semanas, é ofrecer un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia.

Deste xeito, impúlsase entre o comercio e os obradoiros artesáns galegos a súa presenza na rede, a incorporación de ferramentas TIC de xestión e a mellora da loxística coa implantación do packaging axeitado.

A Xunta, deste xeito, apoiará con máis de 3,1 millóns de euros a dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade deste ano, tamén artesanais para a implantación de solucións dixitais que permitan aos beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral dun local. O investimento subvencionable, segundo o tipo de axuda solicitada, poderá ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda será en todos os casos do 50%. A Xunta incrementa o orzamento destinado para esta convocatoria en preto dun 59% con respecto ao ano pasado, cando se dedicaron dous millóns de euros.

En canto á liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, o titular de Economía expuxo que contará cun orzamento dun millón de euros e poderanse beneficiar pemes e, no caso do desenvolvemento dun proxecto pop up, tamén comerciantes online e, como novidade, fabricantes. Preténdese impulsar a apertura de novos establecementos comerciais por titulares doutro comercio cun mínimo de dous anos de antigüidade, así como proxectos pop up por un prazo máximo de dous meses nun concello distinto onde se veña exercendo a actividade. No primeiro caso o investimento subvencionable máximo vai dos 3000 aos 60.000 euros e no caso das iniciativas pop up vai ata os 8000 euros. En todos os casos cóbrese o 50%.

Impulso á comercialización


Por último, apoiarase con 255.000 euros o fomento da comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. As axudas, dirixidas á promoción a través da participación en feiras e certames e a organización de eventos feirais, están destinadas a obradoiros artesanais, asociacións profesionais de empresarios e artesáns e concellos. As axudas máximas serán de 8000, 30.000 e 15.000 euros respectivamente e a intensidade pode chegar ao 80%. O orzamento aumenta en máis dun 18% con respecto ao ano pasado.

Con estes tres programas, a Xunta agarda, en palabras de Conde, impulsar o comercio e a artesanía galegas coa finalidade de potenciar un tecido comercial diverso, moderno, competitivo e de calidade; adaptalo ás novas realidades co obxectivo de gañar en competividade e mellorar a imaxe dos centros urbanos das cidades facéndoos máis atractivos. Estas liñas permitiron, en 2017, apoiar preto de 375 proxectos con case dous millóns de euros.

Estas axudas reforzaranse con outras accións dirixidas a potenciar os espazos comerciais e o asociacionismo cun orzamento adicional de catro millóns de euros e enmárcanse no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020.

O obxectivo final é que o sector siga crecendo e gañe competitividade, ao igual que o pasado ano cando o comercio ratificou a súa recuperación cun incremento nas vendas polo miúdo dun 1,7% ata o mes de novembro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/01/2018