O titular de Medio Rural participou hoxe na Estrada no II Encontro Leader Galicia 2019, que estivo centrado en proxectos de desenvolvemento turístico xestionados polos GDR
José González destaca que o Leader achegará no conxunto do período 2007-2020 un total de 175 millóns para dinamizar o rural galego

O conselleiro salientou que só no período 2014-2020 o Leader ten un financiamento de 84 millóns de euros e cualificou esta ferramenta como “unha das mellores armas que temos para seguir facendo crecer a nosa terra”

Fixo especial mención aos grupos de desenvolvemento rural (GDR), que son os encargados de impulsar gran parte destas actuacións e que cualificou como primordiais e prioritarios á hora de implantar políticas de desenvolvemento

A Estrada (Pontevedra), 11 de setembro de 2019

O programa Leader mobilizará no conxunto do período 2007-2020 arredor de 175 millóns de euros en beneficio do agro galego, consolidándose así como “un dos mecanismos de maior investimento no noso rural”. Este feito foi destacado hoxe polo o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa intervención no II Encontro Leader Galicia 2019, que se celebra na localidade pontevedresa da Estrada. O conselleiro estivo acompañado neste acto polo director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois.

Ademais, José González salientou que só no período 2014-2020 o Leader ten un financiamento de 84 millóns de euros, polo que cualificou esta ferramenta como “unha das mellores armas que temos para seguir facendo crecer a nosa terra”. O conselleiro referiuse en particular a proxectos destacados que reciben este apoio, caso das accións de mellora da contorna rural, obras de recuperación e rehabilitación do patrimonio histórico, iniciativas para a posta en marcha de novos recursos turísticos, para a creación ou mellora de áreas recreativas, praias fluviais e sendeiros, entre outras actuacións.

En relación coa xestión deste programa, o conselleiro fixo especial mención aos grupos de desenvolvemento rural (GDR), que son os encargados –dixo– de impulsar gran parte destas actuacións. Son, incidiu, 24 grupos que resultan “primordiais para lograr a dinamización do rural galego” e son tamén “os entes prioritarios á hora de implantar políticas de desenvolvemento”.

Afondando nesta mesma liña, o titular de Medio Rural apostou por investir, innovar e cooperar como fórmula para traballar polo agro galego e subliñou que sumando esforzos “temos que facer do rural o motor do crecemento de Galicia”.

Fixo ademais mención ao recente anuncio do presidente da Xunta de que a estratexia do Goberno galego ampárase en catro piares: a Galicia verde, a Galicia familiar, a Galicia moza e a Galicia innovadora e engadiu que estes catro alicerces “pasan por un rural forte”.

Desenvolvemento turístico

O foro celebrado hoxe na Estrada leva por título “o Leader e o turismo como dinamizadores do rural” e por iso durante a xornada se puxo en valor o respaldo prestado desde esta medida a proxectos asociados co desenvolvemento turístico. Neste sentido cómpre destacar que só no período de programación 2007-2013 houbo un total de 644 iniciativas deste perfil turístico que posibilitaron a creación de 161 postos de traballo e a consolidación doutros 268 empregos.

Para a execución da medida Leader 2014-2020, Agader e a Axencia Turismo de Galicia asinaron un novo marco de colaboración co fin de complementar mellor as axudas Feader dedicadas ao turismo no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia e conseguir así unha maior rendibilidade dos investimentos.

Por último, cabe mencionar tamén que dos fondos que executará o Leader entre os anos 2018 e 2019 en proxectos, calcúlase que preto de 11,5 millóns de euros están suxeitos de forma directa á actividade turística ou de lecer, o que supón arredor dun 46% da totalidade do orzamento. No referente ao emprego creado arredor destes proxectos, conclúese que en dous anos de vida, o actual Leader está vinculado á consolidación de máis de 100 postos de traballo e á creación de 98 novos empregos dentro deste sector.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/09/2019