A Xunta inicia a instalación de mobiliario e medios nos novos xulgados da Parda antes de abordar o traslado

Desde esta semana está prevista a habilitación dos sistemas de gravación nas salas de vistas e a mudanza dos xulgados farase en canto se dispoña da licenza de actividade

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019

A Xunta ten previsto iniciar no mes de outubro o traslado dos xulgados á nova sede xudicial da Parda en canto se dispoña da licenza de actividade solicitada a semana pasada. Pero xa desde esta semana, o Goberno galego realizará traballos previos como a instalación do mobiliario e do sistema de gravación nas salas de vistas.

A Xunta estima iniciar a mudanza dos tribunais unipersoais a mediados de outubro cunha media de dous xulgados trasladados por semana. Primeiro trasladaranse os tres xulgados do Contencioso-Administrativo, seguidos dos catro do Social, os dous do Mercantil e os cinco de Primeira Instancia para rematar co rexistro civil e o servizo de notificacións. O obxectivo é xuntar nun mesmo lugar os órganos que non sexan da xurisdición penal e que ata agora estaban repartidos en tres sedes diferentes

O Goberno galego reeditou o pasado 3 de setembro o seu compromiso con Pontevedra coa entrega do novo edificio que dota á cidade de 23.000 metros cadrados para albergar 28 unidades xudiciais. Este edificio xudicial supuxo unha aportación da Xunta de máis de 21 millóns de euros que permitirá solucionar os actuais problemas de espazo das unidades xudiciais da cidade e cubrirá a demanda para os vindeiros 20 anos. Así, polas súas seis plantas repartiranse diversos servizos: a planta baixa e a primeira albergarán o rexistro civil, as 16 salas de vistas, os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais ou o servizo común de actos de comunicación; e, no resto de plantas situaranse os xulgados. Ademais, conta con dous sotos cun aparcadoiro para os traballadores e cos arquivos.

Esta obra forma parte do Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha en 2010 para mellorar as instalacións existentes e prever as necesidades da planta xudicial galega no futuro. Neste período, a aportación da Xunta a este plan superou os 115 millóns de euros, o maior investimento na Administración de xustiza, desde que a comunidade galega administra as súas competencias.

Grazas á execución deste Plan, xa están en funcionamento edificios novos ou reformados como os xulgados de Santiago de Compostela, Ourense e a Fábrica de Tabacos da Coruña ou o Servizo de Notificacións e Embargos de Vigo, ademais da rehabilitación doutros en Ferrol, O Carballiño ou Viveiro. A Xunta tamén avanza na rehabilitación do antigo Hospital Xeral de Vigo onde se asentará a futura Cidade da Xustiza.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/09/2019