O conselleiro do Medio Rural e os alcaldes de Touro e Boqueixón avanzan na recuperación e posta en valor das terras agrarias de ambos concellos

Técnicos do Banco de Terras trasladaranse aos dous municipios para estudar as parcelas e investigar a propiedade dos terreos

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo un encontro cos alcaldes de Touro, Ignacio Codesido, e de Boqueixón, Manuel Fernández, para abordar as posibilidades de mobilizar terras nos seus respectivos municipios. Así, o responsable autonómico comprometeuse a enviar técnicos do Banco de Terras aos seus municipios para analizar a situación do terreos en desuso e, no seu caso, iniciar unha investigación da propiedade.

No encontro, ao que tamén asistiu o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, se lles explicaron ademais os novos mecanismos e ferramentas que contemplará a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria para mobilizar parcelas en desuso, tales como os polígonos agroforestais.

No encontro os alcaldes e os responsables da Consellería tamén fixeron balance do estado das reestruturacións abertas nestes dous municipios. En concreto, no caso de Touro está en fase de acordo a do monte de San Miguel de Vilar, xa ten acordo firme a de Foxáns-Bendaña e, por último, a de Loxo, Enquerentes, Fonte Rosas e Ribeira xa ten os títulos en rexistro. Isto significa que as dúas últimas están pechadas administrativamente e a punto de ser concluídas.

No caso específico de Boqueixón, o conselleiro lembrou que só hai unha parcelaria aberta, a de Boqueixón- A Granxa II, que xa está en fase de acordo e, polo tanto, nos últimos trámites de cara ao seu remate.

O conselleiro José González destacou tamén o papel esencial que teñen cumprido as reestruturacións no mantemento da actividade agraria en municipios como os de Touro e Boqueixón. Sinalou ademais que os novos instrumentos que recolle a futura lei complementaranse coas reestruturacións que sexan necesarias para dar o impulso que require a mobilización de terras en Galicia. Finalmente, o titular de Medio Rural salientou que en ambos concellos a porcentaxe de concentración é elevada. Así, Touro está concentrado nun 52% e chegará a superar o 68% cando se rematen todos os procesos abertos. No caso de Boqueixón, está concentrada un 46% da superficie e alcanzará o 54% ao rematar a última reestruturación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/09/2019