Plan de dinamización da Área Rexurbe de Mondoñedo

Plan de dinamización da área de rexeneración urbana de interese autonómico (Área Rexurbe) de Mondoñedo, un instrumento de planificación plurianual no que se integran actuacións a nivel arquitectónico, dirixidas a fomentar as políticas de rehabilitación e a mellora do espazo público, con outras desde o punto de vista económico, demográfico e social.

Compartir
  • whatsapp

Convértese na primeira área de rexeneración urbana de interese autonómico en dotarse deste instrumento, concibido como unha folla de ruta na que se recollen os obxectivos e as liñas estratéxicas de acción para os próximos catro anos nos eidos arquitectónico, urbanístico, ambiental, demográfico, económico e social.

  • Algunhas das actuacións que se impulsarán neste ámbito, que comprende o conxunto histórico de Mondoñedo e unha zona contigua, serán a rehabilitación de inmobles para iniciativas empresariais e con fins residenciais, intervencións sobre espazos públicos e equipamentos ou accións formativas en rehabilitación.
  • Entre as fontes de financiamento ás cales se recorrerá para cumprir cos obxectivos do plan prevese o capital privado, estimado nuns 3,4 millóns; fondos do propio Concello, case 1,8 millóns, e achegas por parte da Xunta, de arredor de 10 millóns.
  • O plan concreta tamén as consellerías e os organismos autonómicos que deberán participar nel, seguindo unha serie de directrices comúns que axuden a concentrar o financiamento de proxectos dentro do ámbito da Área Rexurbe.

Avaliación e seguimento

O plan determina a folla de ruta a seguir nos próximos catro anos (2021-2024), os eidos de actuación e as medidas sobre as que se porá o foco, así como os organismos e as consellerías que participarán na súa posta en práctica.

Co fin de levar á práctica o Plan de dinamización -elaborado polo Concello a partir dun modelo facilitado a modo de guía polo Instituto Galego de Vivenda e Solo- e poder executar as actuacións incluídas nel, estímase que se necesitarán un total de 16,9 millóns de euros procedentes de fontes tanto públicas como privadas.

 

Data de aprobación no Consello da Xunta: 25/2/2021