Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016

A modo de estratexia colectiva para consolidar a Comunidade nos mercados nacionais e internacionais, este plan integral identifica as grandes fortalezas de Galicia para competir como destino único: riqueza natural, calidade das augas termais e da gastronomía, o Camiño de Santiago e o patrimonio artístico e cultural.

...

O Plan integral de turismo de Galicia 2014-2016, presentado ao conxunto do sector turístico en febreiro de 2014, busca que a Autonomía compita como un destino singular, atractivo para todo tipo de visitantes e con ofertas para os 365 días do ano. Para conseguilo aposta pola innovación e pola competitividade do sector turístico, polo deseño dunha oferta diferenciada e pola participación de toda a cidadanía.

Implicando na súa elaboración ás diferentes administracións públicas e á industria (expertos/as en tendencias, axentes internacionais, asociacións empresariais...) a Xunta de Galicia definiu con este plan a estratexia que marca a folla de ruta e coordina todas as políticas turísticas de Galicia ata 2016.

Orientado a longo prazo, e coa vista posta en 2020, o plan pretende que Galicia sexa recoñecida a nivel nacional e internacional como un destino sustentable e diferenciado que ten no turismo un dos motores da economía. Así, basea a oferta turística nas fortalezas que a Comunidade Autónoma ten como destino: a sostibilidade ambiental, a calidade da auga e da gastronomía, a dimensión internacional do Camiño de Santiago e a riqueza do patrimonio artístico e cultural.

Rendibilidade dun sector estratéxico

Esta estratexia nace da constatación de que cumpría dispor dun documento de planificación para tirar a máxima rendibilidade dun sector esencial da economía, posto que supón un 10,6% do PIB e case un 10% do emprego.

O obxectivo do plan é conseguir que Galicia compita nos mercados turísticos internos, nacionais e internacionais como un destino único e singular, atractivo para todo tipo de visitantes e con ofertas para os 365 días do ano. Trátase dunha estratexia ideada para potenciar a capacidade do sector turístico para xerar riqueza e emprego, así como para dinamizar o conxunto da economía e divulgar a marca Galicia.

Posta en valor dos recursos propios

Para conseguilo, o Plan integral de turismo de Galicia aposta por incrementar os niveis de innovación e de competitividade no sector, polo deseño dunha oferta turística singular e pola implicación do conxunto da cidadanía no obxectivo da captación de visitantes.

Desta forma, avoga pola promoción e a posta en valor deses recursos turísticos, entre os que destacan:

A sostibilidade ambiental, que vén dada por ter máis do 12% do territorio protexido, cos reclamos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, as 6 reservas da biosfera e os 59 lugares de importancia comunitaria;
A auga e a gastronomía: representadas polas praias, as rías, os ríos, as augas termais, os restaurantes con distincións e os produtos enogastronómicos con distintivos de calidade;
A dimensión internacional do Camiño de Santiago;
A riqueza do patrimonio artístico e cultural, na cal destacan catro declaracións de patrimonio da humanidade pola Unesco;

Seis eixos estratéxicos

O Plan integral de turismo de Galicia 2014-2016 detalla o desenvolvemento de 164 actuacións en 37 programas articulados en torno a seis eixes estratéxicos:

Facer do camiño un eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e un modelo demostrador internacional;
Reforzar a oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos diferenciais, buscando desestacionalizar e captar novos públicos;
Consolidar Galicia como destino ambiental, social e economicamente sustentable;
Fomentar o talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente;
Promocionar e comercializar Galicia como destino único baseado nun modelo á demanda e
Promover o consenso e a cooperación entre o sector público e privado para un marco eficiente e xerador de oportunidades.