Axenda Dixital de Galicia 2020

A Axenda Dixital de Galicia 2020 é unha estratexia coordinada e aliñada coas estratexias de ámbito nacional e europeo no que a uso das TIC se refire, que ven reforzar e reafirmar a Estratexia Galega de Crecemento Dixital, introducindo elementos que permitirán maximizar o impacto das políticas tecnolóxicas, como un factor imprescindible e clave para acadar os obxectivos de crecemento económico-social que se marca Galicia para o futuro.

...

A aprobación da Axenda Dixital de Galicia 2020 é unha estratexia coordinada e aliñada coas estratexias de ámbito nacional e europeo en materia de uso das TIC que reforza e reafirma a Estratexia Galega de Crecemento Dixital, introducindo aqueles elementos que permitan maximizar o impacto das políticas tecnolóxicas, como un factor imprescindible e clave para acadar os obxectivos de crecemento económico-social que se marca Galicia para o futuro.

Será misión desta Axenda Dixital asegurarse de que a transformación se desenvolva de xeito intelixente, sostible e integrador e por tanto, contribúa á resolución dos desafíos aos que se enfronta Galicia en todas as áreas de desenvolvemento da Comunidade (sociais, económicos e medioambientais).

Para iso, distínguense cinco liñas estratéxicas que se reforzan mutuamente construíndo a VEREA na que avanzar:

Valorización da Administración, avanzando cara a unha Administración dixital innovadora.
Énfase na vida dixital, para converter a Galicia nun lugar de progreso social avanzado participativo.
Aceleración da economía dixital, promovendo o liderado de empresas que garantan a creación e absorción de talento e innovación.
Estímulo ao crecemento do sector TIC, impulsando a innovación tecnolóxica, competitividade e xeración de emprego no denominado ecosistema dixital.
Articulación dixital do territorio, favorecendo a conectividade e o coñecemento de información que permita un actuar intelixente.

Deste xeito, a VEREA a seguir presenta 20 desafíos a abordar no horizonte 2020 para situar a Galicia nos niveis das rexións europeas máis avanzadas no eido dixital:

  1. Da Administración Electrónica á Administración Dixital, aumentando a eficacia e eficiencia da Administración.
  2. Do Goberno Electrónico ao Goberno Aberto, realizando un uso innovador das TIC para facer partícipe á sociedade.
  3. Da Xeración de Datos á Xeración de Coñecemento, transformando os datos da Administración nun activo xerador de valor.
  4. Da Transformación Interna ao Crecemento Interoperable, que permita a prestación de servizos á cidadanía dun xeito único en calquera punto do territorio.
  5. De Servizos Electrónicos a Servizos Móbiles Dixitais, aumentando a inmediatez e a capacidade de resposta do goberno galego a través da promoción de servizos dixitais móbiles.
  6. Da Modernización da Administración Xudicial á e-Xustiza mellorando a cooperación entre os propios órganos xudiciais.
  7. Da Aula Dixital á Educación Dixital, para a transformación do sistema educativo galego.
  8. Da Asistencia Social ao Benestar a través das TIC, aumentando a eficiencia e a eficacia dos sistemas de asistencia social.
  9. Da e-Saúde á Sanidade Dixital Integral, respondendo ás necesidades do envellecemento activo e saudable e á mobilidade dos pacientes e profesionais socio-sanitarios.
  10. Da Alfabetización á Autonomía Dixital, impulsando unha sociedade galega integrada na Sociedade da Información.
  11. Do Turismo Tradicional ao Turismo Intelixente, facilitando a interacción do visitante coa contorna.
  12. Da Preservación á Accesibilidade Dixital do Patrimonio Cultural, para conservar, difundir e valorizar o legado histórico patrimonial e cultural.
  13. Da Modernización á Transformación Dixital do Sector Primario, para aumentar a produtividade e competitividade do sector.
  14. Da Xestión do Transporte á Mobilidade Personalizada, para adaptarse á demanda da sociedade galega.
  15. Das TIC na empresa á Empresa 4.0, poñendo ao seu alcance tecnoloxías accesibles e vinculadas ao distintos negocios.
  16. Do Sector TIC ao Ecosistema Dixital, impulsando a xeración de emprego TIC cualificado e o desenvolvemento dixital do resto dos sectores estratéxicos de Galicia.
  17. Da Competencia TIC ao Talento TIC, aumentando a capacidade produtiva das empresas a través de profesionais TIC.
  18. Da Prevención á Xestión Intelixente de Riscos, incrementando a capacidade de resposta dos servizos de prevención mediante o emprego de novas solucións dixitais.
  19. Da Conectividade á Usabilidade, promovendo o despregamento de redes de telecomunicación.
  20. Da Seguridade á Confianza Dixital, reforzando as capacidades da Administración, do sector empresarial e da propia cidadanía para o uso seguro das redes e dos sistemas de información.

Cómpre destacar que a confección da Axenda Dixital de Galicia 2020 atendeu a un modelo participativo, involucrando aos diferentes axentes que integran o ecosistema dixital (principais empresas do sector de Galicia, emprendedores, inversores do sector TIC, asociacións empresariais TIC, centros tecnolóxicos TIC, colexios profesionais, universidades e entidades locais) na identificación e resolución dos desafíos dixitais aos que se enfrontará Galicia.

 

Data de actualización: 4/3/2016