Plan de software libre 2017

A Amtega renova un ano máis a súa aposta polo uso do software libre recollida na Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020) como un dos principios para a xestión eficiente das distintas iniciativas.

O plan de acción de software libre 2017 terá como eixos principais de actuación os seguintes:

  • Fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre no sector empresarial.
  • Achegamento do software libre ao conxunto da sociedade.
  • Fomento da reutilización do software na administración pública.

No ámbito empresarial, as actuacións centraranse en potenciar a oferta de solucións tecnolóxicas de calidade dirixidas ás empresas, para favorecer a súa mellora en eficacia e competitividade, primando por suposto as tecnoloxías libres.

No ámbito da alfabetización e capacitación avanzada da cidadanía, hai que mencionar as actuacións que se promoverán a través da Rede CeMIT, a colaboración coas Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia, e no ámbito educativo, as actuacións realizadas a través do proxecto Abalar, e aquelas en colaboración co CIXUG no eido universitario.

No eixo de actuación da propia administración pública, a Amtega continuará, entre outras cuestións, avanzando no plan de migración do posto do empregado público a ofimática libre e manterá o seu compromiso de publicación e liberación de dúas novas solucións de software desenvolvidas pola Xunta de Galicia.

 

Data de actualización: 21/12/2017