Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa 2015-2021

Os obxectivos xerais do plan hidrolóxico son a consecución do bo estado e a axeitada protección das masas de auga da demarcación, a satisfacción das demandas de auga e o equilibrio e harmonización do desenvolvemento rexional e sectorial. Estes obxectivos acadaranse protexendo a calidade do recurso, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos, en función da capacidade de asimilación dos sistemas acuáticos.

...

O plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa é o resultado dos traballos da implantación, actualización e seguimento da Directiva Marco da Auga (Directiva 2000/60/CE) en Galicia-Costa.

A partir do plan hidrolóxico do ciclo anterior (2009-2015), revisáronse e actualizáronse os contidos de acordo ao establecido na normativa de aplicación vixente e seguindo as indicacións proporcionadas pola Comisión Europea aos organismos de bacía dos estados membros.

O plan guíase por criterios de sostibilidade no uso da auga mediante a xestión integrada e a protección a longo prazo dos recursos hídricos, a prevención da deterioración do estado das augas, a protección e mellora do medio e os ecosistemas acuáticos e a redución da contaminación. Así mesmo, esta planificación contribuirá a paliar os efectos das inundacións e secas.

O documento definitivo tamén foi elaborado tendo en conta as achegas recibidas durante os distintos procesos de participación pública que foron organizadas polo Organismo de Conca e está constituído pola memoria e os anexos, a normativa e un documento de síntese. Ademais, a información máis relevante de carácter xeorreferenciable (delimitación e estado das masas de auga, redes de control, hidroloxía…) pódese consultar e descargar a través da plataforma IDE-DHGC.