Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

A Xunta de Galicia ten establecida unha folla de ruta que amosa a súa aposta firme e decidida pola atención primaria, elaborando un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que prevé a posta en marcha de 37 centros de saúde e a ampliación ou reformas noutros 14 xa existentes.

Compartir
  • whatsapp
...

O novo modelo de atención primaria que está a desenvolver a Xunta de Galicia, que aposta pola introdución de novas categorías na atención primaria e que promove a máxima capacidade de resolución de cada profesional, para prestar unha atención o máis integral e resolutiva posible, evitando a duplicidade de consultas, require tamén de espazos nos que ese traballo en equipo, esa atención multidisciplinar e esa actuación comunitaria sexan posibles, marcando o camiño cara a un determinado modelo de infraestruturas que se adapten aos plans funcionais que require este modelo asistencial.

Nun contexto no que se veñen de completar máis de 20 obras nos últimos 4 anos, a Xunta de Galicia e o Servizo Galego de Saúde teñen tomado a determinación de impulsar un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que sirva a xeito de plan director do investimento futuro nesta rede de centros, deseñando así unha folla de ruta que centre as prioridades a curto e medio prazo.

Dispoñer por primeira vez dun documento reitor destas características permitirá ir priorizando investimentos do Goberno galego e ir axilizando os trámites tanto dentro da Xunta como na colaboración cos concellos para obter os terreos necesarios.

Os criterios fundamentais que se tiveron en conta para establecer a priorización destas futuras actuacións foron tanto técnicos como asistenciais.

O Plan está distribuído en tres fases e prevé a posta en marcha de 37 centros de saúde e a reforma doutros 14.

 
Data de aprobación no Consello da Xunta: 29/10/2021