Con este documento, que rexerá a planificación e a xestión da actividade acuícola ata o horizonte 2030, Galicia converteuse na primeira comunidade de España e na primeira rexión europea que elaborou un plan estratéxico do sector. O documento inclúe medidas que van desde a preservación da biodiversidade á integración paisaxística das instalacións e unha redución e mellora dos consumos enerxéticos.
A historia de Galicia e a súa costa construíronse a través dunha relación de dependencia dos seus recursos, dando como resultado a paisaxe actual. Paisaxe que ten como soporte un rico e diverso modelado de xeoformas que favoreceron un fértil mosaico territorial non só en canto á súa biodiversidade senón tamén no relativo aos asentamentos e actividades humanas.
O Plan Director de Acuicultura Litoral (PDAL) parte do recoñecemento do litoral como unha unidade social, paisaxística e produtiva. Un entendemento do litoral como un ben patrimonial en si mesmo xa que arredor do mar, as rías e a actividade pesqueira hanse ir conformando asentamentos e estruturas económicas e sociais que moldearon a costa de Galicia, en ocasións coa mesma intensidade que as dinámicas naturais.
Por estes motivos, o reto deste Plan Director consiste en coordinar este desenvolvemento co modelo territorial proposto nas DOT e o POL establecendo as condicións para a implantación destas actividades con criterios de eficiencia, sostibilidade e calidade ambiental e paisaxística.
Obxectivo principal e específicos do plan
O obxectivo principal do Plan Director de Acuicultura Litoral quedou expresado no documento de inicio do procedemento ambiental no que se formula que o seu contido primeiro é o de establecer “a definición de directrices para a instalación de establecementos de cultivos mariños na zona terrestre, así como para a ampliación dos establecementos existentes”.
O devandito documento recolle ademais que para conseguir ese obxectivo xeral, os obxectivos específicos do plan director son os seguintes:
Do documento de Inicio do Plan Director despréndese que o seu obxecto específico é o de analizar as repercusións económicas e ambientais das posibles localizacións das plantas de acuicultura con criterios de sostibilidade e en coherencia cos instrumentos de planificación territorial, DOT e POL aprobados.