A Estratexia Galega para a Infancia e Adolescencia (EGIA) 2018-2020 é un instrumento de planificación das políticas de benestar que a Xunta de Galicia impulsará nos vindeiros anos, dirixidas ao conxunto de nenas, nenos e adolescentes que residen na Comunidade Autónoma de Galicia.
A EGIA 2018-2020 conten todas as medidas que os distintos departamentos da Xunta de Galicia desenvolven en materia de infancia e adolescencia. Estas actuacións articúlase en catro liñas estratéxicas:
Liña estratéxica 1. Para a promoción dos dereitos e a participación (51 actuacións)
Obxectivo estratéxico: promover unha cultura e sensibilidade social a favor dos dereitos e deberes da infancia e a adolescencia, así como a súa participación activa na comunidade e en calquera proceso que lle afecte, tendo en conta as súas inquedanzas, opinións, demandas e propostas e as diferenzas por motivos de xénero, culturais e de capacidade.
As accións previstas nesta liña diríxense a sensibilizar a sociedade, fomentar a inclusión da perspectiva da infancia nas políticas públicas, proporcionar á poboación infantil o coñecemento sobre os seus propios dereitos, fomentar a súa participación e o seu protagonismo en todas as ordes da vida pública e privada e visibilizar a súa situación.
Nesta liña inclúense actuacións tan importantes como:
- Inclusión, na tramitación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, dun informe sobre o impacto dos orzamentos na infancia ( actuación 1.2.7)
- Posta en marcha de actuacións encamiñadas á adhesión dos concellos ao Programa Cidades Amigas da Infancia (actuación 1.2.8)
- Creación do Consello Autonómico de Infancia como órgano de representación infantil ( actuación 1.4.13)
Liña estratéxica 2. Para un crecemento equilibrado e saudable (84 actuacións)
Obxectivo estratéxico: procurar o benestar físico, psíquico, emocional e social da poboación infantil e adolescente, a través da promoción de estilos de vida saudables e de ámbitos familiares, medioambientais e sociais axeitados, así como mediante a detección e a prevención de factores de risco que comprometan o seu desenvolvemento integral, considerando de forma transversal o enfoque de xénero.
As accións previstas na liña 2 teñen por obxecto, entre outros obxectivos, procurar estilos educativos parentais e hábitos saudables, favorecer unha educación inclusiva e en igualdade, promocionar á saúde e o respecto polo medio ambiente.
Entre elas, destacamos:
- Promoción do consumo responsable desde a perspectiva de xénero, a través de proxectos educativos innovadores e a utilización das TIC ( actuación 2.4.4)
- Realización de campañas de prevención da desprotección infantil, en especial do maltrato e do abuso sexual (actuación 2.7.1)
- Realización de campañas informativas en centros educativos para a identificación da violencia intrafamiliar e de xénero (actuación 2.7.4)
Liña estratéxica 3. Para a intervención en situacións de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social (51 actuacións)
Obxectivo estratéxico: desenvolver unha intervención integral, que teña en conta as diferenzas individuais, de xénero e os contextos sociofamiliares, dirixida ás persoas menores de idade que se atopen en situacións de gran vulnerabilidade, incluídas aquelas que sexan responsables penalmente segundo a lexislación aplicable.
As accións previstas nesta liña apostan pola prevención como única forma de evitar as situacións de desprotección e vulnerabilidade na infancia e por una intervención integral e personalizada que procure o mantemento dos e das menores na súa familia de orixe ou, de non ser posible, nun ambiente familiar.
Entre as actuacións desta liña podemos destacar:
- Deseño e posta en marcha de programas de actuación socio sanitaria dirixidos a mulleres embarazadas e aos nenos e nenas nos primeiros meses de vida para previr situacións de risco social (actuación 3.1.2)
- Posta en marcha de recursos específicos para a prevención e o abordaxe da violencia filio parental (actuación 3.2.11)
Liña estratéxica 4. Para a mellora da calidade do sistema e a práctica institucional (41 actuacións)
Obxectivo estratéxico: reforzar a calidade dos recursos dirixidos á infancia e á adolescencia a través da investigación e do coñecemento, da formación, da capacitación e da cooperación para lograr maiores cotas de benestar, considerando o enfoque de xénero e criterios de eficacia e eficiencia.
A través desta liña da actuación procurarase incrementar a investigación e mellorar a calidade e a especialización e capacitación dos e das profesionais e axentes que traballan con poboación infantil e adolescente, así como o reforzo da coordinación e cooperación inter e intrainstitucional e co terceiro sector.
Unha das actuacións fundamentais desta liña estratéxica é a “Creación do Observatorio Galego da Familia e da Infancia como órgano colexiado de carácter asesor e de apoio, análise, investigación, estudo e proposta de actuacións en materia de familia e infancia.” (actuación 4.1.1)
Cómpre destacar desta liña o seu mandato de coordinación entre todas as unidades con competencia no eido de infancia, entre as que podemos destacar pola súa importancia a actuación 4.4.2: “Impulso de protocolos de colaboración que garantan a atención de nenas, nenos e adolescentes do sistema de protección e reforma por profesionais do ámbito sanitario, en especial de saúde mental.”
Data de aprobación: 7/3/2019