Impulsa Lugo. Plan de axudas para proxectos empresariais

Impulsa Lugo é un proxecto posto en marcha pola Xunta de Galicia que contempla unha liña de axudas específicas á dinamización do tecido empresarial de Lugo e que está dirixido a empresas e emprendedores que teñan un proxecto empresarial de implantación nesta provincia.

Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia pon en marcha Impulsa-Lugo co obxectivo de potenciar o crecemento económico da provincia e a súa converxencia co resto da comunidade. O contido deste programa ten como fin último incentivar os investimentos produtivos e apoiar a iniciativa emprendedora para, deste modo, mellorar a creación de emprego.

O programa persegue o artellamento e vertebración do territorio, conformado a partir da potenciación das oportunidades locais, das súas vantaxes comparativas e da iniciativa empresarial. Inclúe a elaboración dun Plan estratéxico para Lugo, ademais de medidas transitorias de apoio ao investimento. A Xunta de Galicia pon en marcha este proxecto despois de escoitar os axentes económicos e sociais de Lugo, a través da Asociación Impulsora do Plan de Lugo, un colectivo integrado pola Cámara Oficial de Comercio e Industria e Navegación de Lugo, e os sindicatos UXT, CC OO, e CIG.

A Xunta pretende que neste Plan se impliquen no desenvolvemento deste Programa á Deputación de Lugo, a Subdelegación do Goberno e o Concello de Lugo. O Plan estratéxico será xestionado polo Igape a través dunha oficina de xestión que se instalará na Delegación Territorial de Lugo.

Obxectivos

Potenciación dos sectores estratéxicos da economía da provincia.
Impulsar actuacións emprendedoras de alto valor competitivo e produtivo.
Fomentar a creación de emprego.
Desenvolvemento do tecido socioeconómico da provincia como xeito de equilibrio territorial.

Liñas de axuda

G100 - Investimento empresarial superior a 500.000 euros
IG101 - Servizos avanzados intensivos en emprego.

Nestas liñas, adoptaranse medidas de prioridade específica como:

Nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio de localización avaliarase co valor máximo para os proxectos que se desenvolvan nas provincias de Lugo e Ourense.
Para os proxectos de primeira implantación en Galicia, garántese unha axuda mínima do 20% do investimento subvencionable nos proxectos de investimento empresarial (IG100) e para proxectos de creación de establecementos que non sexan considerados de primeira implantación, ampliación, modernización ou innovación tecnolóxica, garántese unha axuda mínima do 15% dos custos subvencionables
Nos proxectos de investimento empresarial (IG100), o investimento mínimo redúcese a 200.000 euros.