O Plan constitúe a folla de ruta da Administración autonómica galega para contribuír a un cambio cultural na nosa sociedade enfocado á repulsa da trata sexual e a prostitución; reforzando os mecanismos para a súa prevención e articulando unha mellor intervención coordinada dos distintos axentes, para asentar un sistema de atención integral que garanta ás persoas superviventes unha vida digna e libre de violencia, cunha adecuada resposta ás súas necesidades individuais.
O Plan estrutúrase en cinco áreas estratéxicas:
- Prevención, educación e sensiblización social
- Reforzo dos procesos de detección, identificación e protección das vítimas
- Fortalecemento dos recursos de atención integral
- Investigación e mellora do coñecemento para a intervención
- Mellora da coordinación interinstitucional.
E entre as principais medidas atópanse o fortalecemento á saúde mental das vítimas de trata a través de programas sociosanitarios innovadores que contribúan á reparación do dano e ao seu benestar psicosocial; o apoio ás persoas menores de idade no proceso de reunificación familiar; o reforzo das políticas activas de emprego a través de incentivos á contratación, apoios á economía social e o fomento do autoemprego como opcións para a mellora da inserción laboral; e o incremento das inspeccións laborais e administrativas relacionadas coa licenza de actividade dos establecementos de exercicio de prostitución.
O Plan tamén inclúe accións encamiñadas á eliminación da publicidade relacionada coa prostitución e co comercio sexual; dirixidas á adolescencia e á mocidade desde un enfoque que teña en conta as novas formas de consumo de explotación sexual; e programas para facilitar que as mulleres tomen conciencia e se autoidentifiquen como vítimas de trata. Tamén hai medidas de formación e elaboración de materiais para, entre outros, profesionais sanitarios e profesionais das quendas de oficio de violencia de xénero.
Data de aprobación no Consello da Xunta: 04/08/2022