Estratexia para a investigación e innovación en Galicia baseada no concepto de Especialización Intelixente e na que, a través dun amplo proceso participativo de reflexión e de consenso, identificáronse as áreas nas que Galicia debería especializarse e concentrar os recursos dispoñibles para asegurar a eficiencia dos esforzos en materia de I+D+i.
Para o período 2014-2020 a Comisión Europea apostou por un novo mecanismo na definición das políticas rexionais de investigación e innovación na procura da máxima eficiencia e eficacia do investimento en I+D+i, solicitando ás autoridades nacionais e rexionais de toda Europa a preparación de estratexias de especialización intelixente: RIS3 (Research and Innovation Strategies). Estas estratexias identifican as áreas prioritarias nas que cada rexión decide especializarse e concentrar o investimento e son unha condición previa para a aprobación dos Programas Operativos de Fondos Estruturais do período 2014-2020.
A definición da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia estivo coordinada pola Axencia Galega de Innovación seguindo as directrices da Comisión Europea e contou coa participación de todos os departamentos da Xunta de Galicia e dos axentes do Sistema Galego de Innovación, dentro dun proceso que destacou especialmente pola súa ampla participación. A raíz deste proceso chegouse a unha visión compartida de futuro para Galicia: “consolidar a economía galega para o ano 2020 nunha senda socialmente recoñecible cara a mellora do crecemento e a competitividade en base á transformación do modelo produtivo dende un modelo de intensidade tecnolóxica medio-baixa das actividades produtivas, a un modelo caracterizado por unha intensidade tecnolóxica medio-alta, mediante a absorción das Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFE) por parte dos sectores arraigados, e o posicionamento da rexión como referente no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados co envellecemento activo e a vida saudable.”
Esta visión plásmase en 3 retos e dentro de cada un diversas prioridades:
Para acadar estes retos establecéronse catro principios reitores que para as actuacións de execución da Estratexia, en correspondencia dos cales se articulan os 4 programas que agrupan os 20 instrumentos planificados:
Así mesmo, definiuse un marco financeiro multifondo cun orzamento para o período 2014 -2020 de 1.624 Millóns de Euros, así como unha estrutura de xestión e un sistema de avaliación para acadar os obxectivos establecidos na RIS3. A RIS3 Galicia presentouse en marzo de 2014 obtendo a aprobación do Consello da Xunta e tamén da Comisión Europea.
En síntese, a RIS3 Galicia é un plan de futuro para xerar benestar e emprego, para ser máis eficientes e sostibles e para competir mellor no exterior.