Servizo de videointerpretación para persoas xordas
Que é?
A Xunta de Galicia ten dispoñible un sistema de videointerpretación en lingua de signos que lle garante ás persoas xordas o acceso, en igualdade de condicións, ao 012, a liña telefónica que canaliza todas as consultas de información xeral que a cidadanía dirixe á Administración galega.
Emprego, vivenda, voluntariado, cuestións de interese para a mocidade, para as mulleres, para as persoas dependentes… desde solicitar un permiso de queima ata consultar un proceso selectivo ou unha lista de contratación.
Toda a información que pode solicitarse no 012 xa é accesible tamén para as persoas con discapacidade auditiva.
A prestación deste servizo por parte da Xunta de Galicia faise a través de Bildtec, un sistema de videointerpretación simultánea desenvolvido por ScioIT para facilitarlle a este colectivo a comunicación en Lingua de Signos Española (LSE) nas oficinas e sitios web de institucións públicas e en empresas con servizos de atención ao público.
A súa aplicación ao 012 é froito dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia, e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.
Como funciona?
O servizo de videointerpretación da Xunta está dispoñible a través da rede e tamén de xeito presencial, no Rexistro Xeral da Xunta en Santiago de Compostela e nas delegacións deste na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol.
Aquelas persoas que desexen contactar co 012 empregando Bildtec na súa versión on-line necesitan unha cámara web e unha conexión a internet cunha velocidade de subida de, cando menos, 512 kpbs. Tamén pode consultar este directorio, no que atopará as 14 liñas de servizo que actualmente dispoñen de sistema de videointerpretación.
Unha vez que Bildtec recibe a chamada dunha persoa xorda, un videointérprete solicitaralle os datos da consulta que esta desexa realizar.
Empregando unha liña paralela o/a videointérprete contactará co operador/a do 012 para indicarlle que se vai a establecer a comunicación.
A partir dese momento o/a videointérprete actuará de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, isto é, entre a persoa xorda e a persoa oínte.
Nos puntos de acceso presenciais os usuarios e usuarias terán á súa disposición unha pantalla táctil que facilita a comunicación entre a persoa usuaria e o persoal de atención do rexistro, e que se sitúan, cada unha delas, fronte ás dúas pantallas de fácil manexo que inclúe esta ferramenta.
Neste caso, a conversa entre as dúas persoas establecerase grazas a que o/a videointérprete de Bildtec servirá de canle entre ambos/as.
Coa opción presencial, as persoas xordas non só poderán requirir a información que ofrece o 012, senón tamén calquera dos servizos que se prestan habitualmente na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, isto é: presentar solicitudes ou escritos, consultar procedementos administrativos (convocatorias de bolsas, subvencións, axudas, oposicións...), pedir orientación e información xeral, etc.
Horario de atención
De luns a venres (non festivos) de 8:00 a 20:00 horas en días laborais
Confidencialidade da información e outras vantaxes de Bildtec
Bildtec garante a confidencialidade e a privacidade de todas as chamadas realizadas a través do servizo de videointerpretación da Xunta, xa que as conversas que teñan lugar durante a súa utilización non serán gravadas en ningún caso.
Calquera dato que o/a videointérprete poida requirir durante o proceso de comunicación coa persoa xorda só será comunicado verbalmente aos operadores do 012, co que non se compilará nin reterá información de carácter persoal.
A isto hai que engadir que os postos habilitados nos puntos de acceso presenciais están deseñados de forma que se preserva neles a intimidade dos usuarios e usuarias, así como o contido das súas conversas.
Co emprego de Bildtec, as persoas xordas ou con discapacidade auditiva adquiren unha maior independencia e inmediatez nas súas relacións coa Administración, xa que non necesitan acompañarse dun intérprete para realizar súas xestións.
Ademais, a súa utilización non implica unha dificultade engadida no proceso de comunicación – a curva de aprendizaxe é mínima-, xa que tanto a interface como o funcionamento do sistema foron deseñados para que o seu uso sexa o máis accesible, intuitivo e sinxelo posible.
Bildtec supón, tamén, unha vantaxe para a propia Administración pública que, co seu uso, consigue eliminar as barreiras de comunicación entre o seu persoal e os cidadáns con xordeira ou discapacidade auditiva, facilitando a interacción directa entre ambos colectivos, ao tempo que optimiza recursos.
Puntos presenciais de acceso ao servizo
Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro
- Servizos centrais da Xunta de Galicia: Edificio Administrativo de San Caetano (Santiago de Compostela)
- Edificio Administrativo da Coruña: Praza Luis Seoane, s/n - Monelos (A Coruña)
- Edificio Administrativo de Ferrol: Praza Camilo José Cela, s/n (Ferrol)
- Edificio Administrativo de Pontevedra: Fernández Ladreda, 43 - Campolongo (Pontevedra)
- Edificio Administrativo de Vigo: Praza da Estrela - Concepción Arenal, 8 (Vigo)
- Edificio Administrativo de Lugo: Rolda da Muralla, 70 (Lugo)
- Edificio Administrativo de Ourense: Avenida da Habana, 79 (Ourense)
Oficinas de Turismo
- Oficina de Turismo de Santiago: Praza de Mazarelos, 15 - 15705 (Santiago de Compostela)
- Oficina de Turismo de Lugo: Rúa Miño, 12 baixo - 27001 (Lugo)
- Oficina de Turismo de Pontevedra: Rúa Marqués de Riestra, 30 - 36001 (Pontevedra)
- Oficina de Turismo de Vigo: Rúa Cánovas del Castillo, 3 (Vigo)
Sergas
- Centro de especialidades e ambulatorio Concepción Arenal: Rúa de Santiago León de Caracas, 12 (Santiago de Compostela)
- Unidade de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS): Rúa da Choupana, 2 (Santiago de Compostela)
Acceso ao servizo en liña e a distancia
- A través do servizo do 012
- Nas sete delegacións principais da Xunta de Galicia (Servizos Centrais en Santiago de Compostela e edificios administrativos da Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense).
- Sergas:
- 061 - Urxencias Sanitarias
- 902 400 116 - Consultas sanitarias
- A través dos servizos incluídos neste directorio