Como conectarse á rede da Xunta?

Acceso á rede interna

Para traballar accedendo a todas as ferramentas e aplicacións que están dispoñibles dentro da rede interna da Xunta de Galicia, deberá solicitar e configurar no seu equipo un acceso remoto seguro (VPN). Isto permitiralle acceder, por exemplo, á intranet corporativa ou a todas aquelas aplicacións que só están dispoñibles dentro da devandita rede. Se, a maiores disto, conecta de forma remota o equipo da casa co do seu posto de traballo, iguálanse practicamente as condicións de traballo habituais, dispoñendo de todos os programas, recursos, accesos a carpetas compartidas, documentos e permisos que usa diariamente no seu posto de traballo.

Para acceder á rede interna siga os seguintes pasos:

  1. Solicite o acceso á rede interna a través dunha VPN
    • Faga a solicitude enviando un correo electrónico a soporte.xustiza@xunta.gal indicando:
      • Asunto: Alta VPN
      • Nome e apelidos
      • DNI
      • Posto,Oficina e Partido Xudicial
      • IP do equipo informático do posto de traballo
    • Despois das correspondentes verificacións, achegaráselle nunha mensaxe de correo electrónico as instrucións que deberá aplicar no seu equipo para dispoñer do servizo.
  2. Configure o equipo da casa
    • Instale no ordenador da casa a aplicación que lle permitirá conectarse. Deberá descargala desde https://rpvxg.xunta.es.
    • Durante o proceso solicitaráselle o seu usuario (o que utiliza de forma habitual para acceder ao seu equipo) e o contrasinal.
    • Para poder instalar a VNP nun equipo é necesario que este, previamente, teña instalados unha serie de compoñentes.
    • Consulte o proceso, paso a paso, no vídeo de axuda sobre como preparar un equipo Windows 10 para a instalación da VPN.
  3. Conecte o equipo da casa á rede corporativa
    • Identifíquese a través da aplicación que descargou no paso anterior mediante un certificado dixital ou co seu usuario e contrasinal da Xunta de Galicia.
    • Unha vez establecida a conexión VPN, poderá acceder a través do navegador á intranet da Xunta de Galicia e ao resto de aplicacións web de xestión dispoñibles na rede interna.
  4. Acceda ao seu equipo do traballo

Acceso á rede telefónica

Para empregar o teléfono fixo do seu posto de traballo na Xunta ten dúas opcións: pode desvialo a outro teléfono (xa sexa corporativo ou persoal) para atender as chamadas entrantes ou controlalo desde o seu ordenador persoal para facer e recibir chamadas como se estivese na oficina.

Desvío do teléfono fixo

O desvío do seu teléfono permite que as chamadas telefónicas que entran no teléfono do seu posto de traballo sexan recibidas noutro número, xa sexa fixou ou móbil (corporativo ou persoal). Desta forma poderá recibir chamadas sen ter que atoparse fisicamente na oficina.

Como se configura?

  • Desde a oficina: de atoparse aínda na oficina, vostede ou un/ha compañeiro/a pode configurar o desvío desta forma:
    • Activar desvío: *22#00<nº ao que se quere desviar a chamada>#. Por exemplo, se quere desviar as chamadas ao teléfono 600123456, teclee *22#00600123456#
    • Desactivar desvío: #22#
  • Desde o seu domicilio: pode solicitar o desvío remitindo correo a soporte.xustiza@xunta.gal indicando: o seu nome completo, a extensión que quere desviar e o teléfono móbil/fixo ao que desviar as chamadas. Nese último caso, para desactivar o desvío deberá igualmente solicitalo ao Centro de Servizos ao Usuario de Xustiza (CSU).

Chamadas de teléfono usando o ordenador

A Xunta de Galicia conta cunha aplicación corporativa que permite facer e recibir chamadas desde o ordenador do seu domicilio, conservando o número de teléfono do seu posto habitual.

Para empregar este servizo necesita que o seu ordenador dispoña de micrófono, altofalantes e conexión a internet.

Siga os seguintes pasos:

  1. Solicite o servizo: diríxase ao CSU a través da conta soporte.xustiza@xunta.gal, indicando o seu nome completo, correo electrónico de contacto e extensión sobre a que realizar a xestión. Despois das correspondentes verificacións, o CSU achegaralle nun correo electrónico as instrucións de uso do servizo.
  2. Configure o servizo: acceda a través da ligazón que lle facilitará por correo o CSU, xunto coa correspondente guía de axuda. Non require a instalación de ningún programa.
  3. Comece a usalo: unha vez que teña acceso, cando alguén chame á extensión fixa do posto da oficina a chamada será automaticamente redirixida ao seu ordenador do domicilio e mostrarase na pantalla deste. Poderá contestar a través deste servizo e falar usando o micrófono e os altofalantes. Tamén poderá facer chamadas desde o programa, e os destinatarios verán a chamada realizada desde o teléfono fixo da oficina.