Recomendacións para o teletraballo

Nesta sección atopará a información necesaria para coñecer, solicitar e utilizar os medios técnicos que poden axudar para o desenvolvemento das funcións na modalidade de teletraballo. A finalidade é que con estes medios ou ferramentas se poida traballar dende un lugar diferente ao lugar habitual e mesmo fóra da rede corporativa da Xunta de Galicia.

Para teletraballar vai ser necesario dispor de:

  • Un teléfono de contacto, a onde desviar o teléfono da oficina ou onde se lle poida localizar
  • Un equipo informático suficiente para o acceso a internet
  • Un acceso remoto seguro (VPN), para dispor dos recursos da rede corporativa da Xunta de Galicia
  • Acceso remoto ao escritorio do posto de traballo, para dispor dos recursos do posto de traballo da oficina
  • Certificado dixital, se vai asinar documentos ou utilizar un servizo que así o requira. É válido o certificado de empregado público ou outro certificado recoñecido (FNMT…)

Nos seguintes apartados, facilítase información sobre como solicitar e como configurar as ferramentas necesarias, así como os principais recursos aos que se pode acceder. 

Coa información dispoñible nesta páxina xa poderá acceder á intranet corporativa. Nela atopará información máis ampla no apartado https://intranet.xunta.gal/recomendacions-teletraballo.

1. Telefonía

Desvío do teléfono fixo

  • Para que serve? permite desviar as chamadas telefónicas que entran no teléfono do seu posto de traballo a un teléfono móbil (xa sexa corporativo ou persoal). Desta forma poderá recibir chamadas sen ter que atoparse fisicamente na oficina.
  • Como se configura? de atoparse aínda na oficina, vostede ou un compañeiro/a pode configurar o desvío desta forma:
    • Activar desvío: *22#00<nº ao que se quere desviar a chamada>#
    • Desactivar desvío: #22#
  • Como podo solicitalo? de atoparse xa no seu domicilio, pode solicitar o desvío mediante o portal Axudot ou remitindo correo a cau@xunta.gal concretando: o seu nome completo, a extensión que quere desviar e o teléfono móbil/fixo ao que desviar as chamadas. Nese último caso, para desactivar o desvío deberá igualmente solicitalo ao Centro de Atención a Usuarios (CAU).

 

Chamadas de teléfono usando o ordenador

  • Para que serve? máis alá da posibilidade de desviar as chamadas (mencionada no punto anterior), para poder seguir facéndoas desde a extensión corporativa do teléfono fixo da oficina cabe a posibilidade de solicitar o uso de Micollab. Este sistema permite facer e recibir chamadas desde o ordenador do seu domicilio, conservando o número de teléfono do seu posto habitual.
  • Como se configura? non require instalar ningún programa, só dispoñer de micrófono, altofalantes e conexión a internet e poderá acceder a través da ligazón que lle facilitará por correo o Centro de Xestión de Rede (CXR), xunto coa correspondente guía de axuda.
  • Como se usa? unha vez que teña acceso, cando alguén chame á extensión fixa do posto da oficina a chamada será automaticamente redirixida ao seu ordenador do domicilio e mostrarase na pantalla deste. Poderá contestar a través deste servizo e falar usando o micrófono e os altofalantes. Tamén poderá facer chamadas desde o programa, e os destinatarios verán a chamada realizada desde o teléfono fixo da oficina.
  • Como podo solicitalo? para solicitalo deberá dirixirse ao CAU a través da conta cau@xunta.gal, indicando o seu nome completo, correo electrónico de contacto e extensión sobre a que realizar a xestión. Despois das correspondentes verificacións, o CAU achegaralle nun correo electrónico as instrucións de uso do servizo.

 

2. Que podo facer cun ordenador persoal con acceso a internet?

Correo electrónico corporativo

  • Para que serve? envío de mensaxes de correo electrónico, incluíndo textos e ficheiros, xestión de axendas e calendarios e consulta do directorio de persoas da organización, mostrando tanto os enderezos de correo coma os teléfonos de contacto.
  • Como se configura? non é necesario instalar ningún programa específico no ordenador, xa que se trata dunha plataforma de correo web, e polo tanto basta con dispoñer dun navegador web actualizado. Tamén é posible configuralo nun móbil.
  • Como se usa? accédese a través da ligazón https://correoweb.xunta.gal, identificándose co usuario e contrasinal que a persoa usa no acceso diario ao equipo da oficina.

 

Portal do empregado público - PortaX

  • Para que serve? portal de contidos para todos os empregados da Xunta de Galicia que ofrece servizos coma: acceso ao expediente electrónico, tramitación de permisos, licenzas e vacacións; acceso ao histórico de nóminas; ou consulta de fichaxes. Tamén actúa coma portal de novas e información de utilidade no ámbito dos recursos humanos.
  • Como se configura? non é necesario instalar ningún programa específico no ordenador, xa que se trata dunha plataforma web, e polo tanto basta con dispoñer dun navegador web actualizado.
  • Como se usa? accédese a través da ligazón https://portax.xunta.es, identificándose co DNI e o contrasinal que usa no acceso diario ao seu equipo da oficina ou mediante certificado electrónico.

 

3. Que podo facer cun ordenador persoal con acceso a internet e conectado á rede da Xunta?

 

Conexión á rede da Xunta a través dunha VPN máis acceso ao escritorio persoal do posto de traballo

  • Para que serve? esta solución permítelle traballar dese o seu domicilio e a través do seu ordenador persoal (portátil, ordenador fixo...), tomando o control do ordenador de sobremesa do traballo. A gran vantaxe deste sistema é que vostede disporá de todos os programas, accesos a recursos e permisos que usa diariamente no seu posto de traballo e polo tanto poderá teletraballar con normalidade.
  • Como se configura? instalar no ordenador da casa o software VPN Cisco Anyconnect. Deberá descargalo desde https://rpvxg.xunta.es. Durante o proceso solicitaráselle o usuario de Windows (o que utiliza de forma habitual para acceder ao seu equipo) e o contrasinal. Para poder instalar a VNP nun equipo é necesario que este, previamente, teña instalados unha serie de compoñentes.
  • Como se usa? esta modalidade de traballo implica dous pasos:
    • conectar o equipo da casa á rede corporativa
    • iniciada a VPN, establecer unha conexión de escritorio remoto dende o equipo da casa ao equipo do traballo. É importante lembrar que o ordenador da oficina debe quedar acendido.
  • Como podo solicitalo? mediante o portal Axudot ou enviando un correo electrónico a cau@xunta.gal, indicando o seu nome completo e correo electrónico de contacto, confirmando a necesidade de VPN persoal. Despois das correspondentes verificacións, achegaráselle nun correo electrónico as instrucións que deberá aplicar no seu equipo para dispoñer do servizo.
  • Vídeos de axuda:

Conexión á rede da Xunta a través dunha VPN

  • Para que serve? aínda que a opción anterior (VPN + escritorio remoto) é a forma máis recomendable de afrontar o teletraballo, poderían producirse circunstancias que non fagan posible completala (por exemplo se o equipo da oficina está apagado e ninguén pode achegarse para acendelo, se a oficina quedou sen conexión á rede corporativa...). Nesa situación pode afrontarse o teletraballo igualmente, pero facendo só o primeiro paso de establecer a VPN para conectar o ordenador persoal á rede corporativa. Neste caso a persoa usuaria poderá acceder desde o seu equipo de forma directa a estes servizos:
  • Como se configura? instalar no ordenador da casa o software VPN Cisco Anyconnect. Deberá descargalo desde https://rpvxg.xunta.es. Durante o proceso solicitaráselle o usuario de Windows (o que utiliza de forma habitual para acceder ao seu equipo) e o contrasinal. Para poder instalar a VNP nun equipo é necesario que este, previamente, teña inslados unha serie de compoñentes.
  • Como se usa? esta modalidade de traballo implica un único paso para conectar o equipo da casa á rede corporativa da Xunta. Unha vez establecida a conexión VPN, poderase xa acceder aos portais e aplicacións intranet mencionadas. 
  • Como podo solicitalo? mediante o portal Axudot ou enviando un correo electrónico a cau@xunta.gal, indicando o seu nome completo e correo electrónico de contacto, confirmando a necesidade de VPN persoal. Despois das correspondentes verificacións, achegaráselle nun correo electrónico as instrucións que deberá aplicar no seu equipo para dispoñer do servizo.