A PRESIDENCIA

O presidente no Estatuto de Autonomía

ARTIGO 9

  1. Os poderes da Comunidade Autónoma exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu presidente.

ARTIGO 15

  1. O presidente dirixe e coordina a acción da Xunta e ocupa a representación da Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en Galicia.
  2. O presidente da Xunta será elixido polo Parlamento Galego de entre os seus membros e será nomeado por El-Rei.
  3. O presidente do Parlamento, logo de consultas coas forzas políticas representadas parlamentariamente e oída a Mesa, proporá un candidato a presidente da Xunta. O Candidato presentaralle o seu programa ao Parlamento. Para ser elixido, o candidato deberá obter na primeira votación maioría absoluta; en caso de non a obter, procederase, transcorridas vinte e catro horas da anterior, a unha nova votación e, obtendo maioría simple, considerarase outorgada a confianza. De non conseguirse esta maioría, tramitaranse sucesivas propostas na forma prevista anteriormente.
  4. O presidente da Xunta será politicamente responsable perante o Parlamento. Unha lei de Galicia determinará o alcance de tal responsabilidade, así como o estatuto persoal e atribucións do presidente.

ARTIGO 16

  1. A Xunta é o órgano colexiado de Goberno de Galicia.
  2. A Xunta de Galicia está composta polo presidente, vicepresidente ou vicepresidentes, se é o caso, e mais os conselleiros.
  3. Os vicepresidentes e conselleiros serán nomeados e cesados polo presidente.
  4. Unha lei de Galicia regulará a organización da Xunta e as atribucións e o estatuto persoal dos seus compoñentes.

ARTIGO 17

  1. A Xunta de Galicia responde politicamente perante o Parlamento de forma solidaria, sen prexuízo da responsabilidade directa de cada un dos seus compoñentes pola súa xestión.
  2. A Xunta cesa tras a realización de eleccións ao Parlamento Galego, nos casos de perda de confianza parlamentaria, dimisión e falecemento do seu presidente.
  3. A Xunta cesante continuará en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta.

ARTIGO 18

O presidente e demais membros da Xunta, durante o seu mandato e polos actos delituosos cometidos no territorio de Galicia, non poderán ser detidos nin retidos a non ser en situación de flagrante delito, correspóndelle decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra deste territorio, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.

ARTIGO 19

A Xunta de Galicia poderá interpor recursos de inconstitucionalidade e presentarse ante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na Constitución e na Lei orgánica do Tribunal Constitucional.