OFICINA DE INCOMPATIBILIDADES E BOAS PRÁCTICAS

Compatibilidade para persoal da Xunta

Principios xerais

  • Dedicación do persoal ao servizo da Administración a un só posto de traballo.
  • Dúas remuneracións públicas son incompatibles sempre, agás os supostos de excepción taxados pola Lei 53/1984, do 26 de decembro. (Enténdese por remuneración calquera dereito de contido económico derivado, directa ou indirectamente, dunha prestación ou servizo persoal, sexa a súa contía fixa ou variable e  a súa devindicación periódica ou ocasional).
  • Incompatibilidade con calquera outra actividade cuxo exercicio impida ou menoscabe a imparcialidade ou independencia ou o cumprimento dos deberes na Administración.

Quen debe solicitar a compatibilidade?

O persoal ao servizo da administración da Xunta de Galicia, dos seus organismos autónomos, entidades, corporacións de dereito público, fundacións e consorcios cuxos presupostos se doten ordinariamente en máis dun 50% con fondos públicos, así como en empresas nas que a participación do capital, directa ou indirectamente, das Administracións públicas sexa superior ao 50%, calquera que sexa a natureza xurídica e duración da relación de emprego (funcionario, interino, eventual, laboral, estatutario, docente...) que pretenda realizar calquera outra actividade simultaneamente.

Cando debe solicitarse a compatibilidade?

Sempre con carácter previo ao inicio da segunda actividade, pois a lei esixe, para simultanear dúas actividades, ter a correspondente autorización ou recoñecemento.

Como se solicita a compatibilidade?

Mediante o modelo normalizado de solicitude de compatibilidade que pode descargar aquí en formatos .odt ou .doc.

Cal é o prazo de resolución da solicitude?

  • Solicitudes de autorización de compatibilidade para unha segunda actividade no sector público: catro meses.
  • Solicitudes de recoñecemento de compatibilidade para actividades privadas: tres meses.

Existen actividades que podo realizar e que non precisan autorización de compatibilidade?

Única e exclusivamente as definidas no artigo 19 da Lei 53/1984 e nos termos que constan nese artigo, sempre que se realicen fóra do horario de traballo e sen prexuízo da obriga do estrito cumprimento dos deberes xerais e especiais do persoal ao servizo da Administración, e das limitacións establecidas no artigo 12 da Lei 53/1984.

Son as seguintes:

  • Administración do patrimonio persoal ou familiar (exemplo: socio capitalista dunha sociedade anónima).
  • Dirección de seminarios, ditado de cursos ou conferencias en centros oficiais destinados á formación de funcionarios ou profesorado, sempre que non teñan carácter permanente ou habitual nin supoñan máis de 75 horas ao ano.
  • Preparación para o acceso á función pública cando teña unha duración inferior a 75 horas ao ano.
  • A participación en tribunais cualificadores de probas selectivas para ingreso nas Administracións públicas.
  • A participación do persoal docente en exames, probas ou avaliacións distintas ás que habitualmente lle correspondan.
  • O exercicio do cargo de presidente, vogal ou membro de xuntas reitoras de mutualidades ou padroados de funcionarios, sempre que non sexa retribuído.
  • A produción e creación literaria, artística, científica e técnica, así como as publicacións derivadas daquelas, sempre que non se orixinen como consecuencia dunha relación de emprego ou de prestación de servizos.
  • A participación ocasional en coloquios e programas en calquera medio de comunicación social.
  • A colaboración e a asistencia ocasional a congresos, seminarios, conferencias ou cursos de carácter profesional.

No artigo 3 do Real decreto 2005/1986, do 25 de setembro, establécese que queda exceptuada do réxime de incompatibilidades a actividade titorial na UNED, sempre que non sexa superior a 75 horas ao ano.

Normativa

Normativa xeral

  • Lei 53/1984, do 26 de decembro, sobre incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas (BOE nº 4, do 4 de xaneiro de 1985).
  • Decreto 22/1985, do 14 de febreiro, sobre aplicación da Lei de incompatibilidades na Administración galega (DOG nº 44, do 2 de marzo de 1985).
  • Real decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración do Estado, da Seguridade Social e dos entes, organismos e empresas dependentes (BOE nº 107, do 4 de maio de 1985).
  • Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, polo que se establecen as bases xerais do réxime de concertos entre as Universidades e as Institucións sanitarias, modificado polo Real Decreto 1652/1991, do 11 de outubro (BOE nº 182, do 31 de xullo de 1986) (BOE do 21 de novembro de 1991).
  • Disposición transitoria novena da Lei do emprego público de Galicia.
  • Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Sergas (DOG nº 17, do 25 de xaneiro de 1995).

Normativa específica

  • Decreto 165/1988, do 16 de xuño, polo que se declara de interese público, para efectos do previsto no artigo 3 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, a impartición de cursos de formación en lingua galega para os funcionarios da Comunidade Autónoma galega. (DOG nº 123, do 29 de xuño de 1988).
  • Decreto 39/1994, do 17 de febreiro, polo que se declara de interese público a actividade realizada nas escolas de música e nos conservatorios de música dependentes dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, (DOG nº 41, 01 de marzo de 1994).
  • Decreto 181/2006, do 19 de outubro, polo que se declara de interese público a compatibilidade de impartición de ensinanzas de música e artes escénicas, artes plásticas e deseño coa actividade realizada noutro posto de sector público cultural (DOG nº 208, do 27 de outubro de 2006).