A Xunta e o comercio galego traballan xuntos nun protocolo para a reapertura dos negocios e nas novas medidas para favorecer a súa reactivación económica

As perruquerías contarán cun protocolo específico polas súas características especiais

As medidas de prevención e saúde inclúen máis material de protección e unha campaña de comercio seguro para achegar confianza aos consumidores

A Xunta, que está apoiando ao sector coa inxección de liquidez, promoverá o uso e a adecuación a novos formatos de venda, a través de axudas á dixitalización e o impulso á loxística e a venda en liña

Crearase tamén unha plataforma para que cada comerciante poida realizar un autodiagnóstico e coñecer as medidas básicas que debe adoptar no seu negocio
 

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2020

A Xunta de Galicia e o comercio galego traballan xuntos nun protocolo para a reapertura e nas novas medidas para favorecer a reactivación económica dun sector estratéxico.

O titular do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, mantivo onte unha reunión a través de videoconferencia con representantes do comercio galego, na que tamén estivo presente o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Na mesma, constatouse a necesidade de que o Goberno central estableza unhas directrices claras para que o sector poida reabrir con garantías, despois das dúbidas xeradas tras a presentación do plan de desescalada o pasado martes.

Por iso, a Xunta e o comercio galego xa están a traballar nun protocolo propio para a reapertura e, ademais disto, nun protocolo específico para perruquerías polas súas características especiais.

Medidas de prevención e saúde

A xuntanza tamén serviu para dar a coñecer as medidas que a Xunta está a preparar para a implantación dos sistemas de prevención e saúde, incluíndo máis material de protección tanto para os traballadores como para os clientes.

Así mesmo, estanse a elaborar guías sanitarias e poñerase en marcha unha campaña de divulgación e información de comercio seguro. A través dela, enviaranse elementos informativos para colocar nos mostradores de todos os establecementos que levarán recomendacións da Xunta, así como unha campaña en redes sociais, baixo o lema #SeguimosAdiante.

Nesta liña, outra medida será a creación da plataforma Comercio Seguro, para que cada comerciante, dun xeito directo e sinxelo, poida realizar un autodiagnóstico en liña que lle facilite unhas recomendacións básicas sobre que medidas sanitarias e de prevención debe tomar no seu negocio. Ademais, facilitarase a formación para os comerciantes sobre temas de protección da saúde.

Sobre a seguridade e a saúde, o titular do Goberno galego e os representantes do comercio coincidiron na necesidade de que o conxunto dos cidadáns sexa corresponsable e extreme as medidas de prevención.

Medidas para uso e adecuación de novos formatos

Para apoiar ao comercio nesta primeira fase da reactivación, Feijóo mencionou a inxección de liquidez a pemes e autónomos –un total de 30 millóns de euros cos que se prevén mobilizar 250 millóns-.

A isto, engadiu que, para promover o uso e a adecuación a novos formatos de venda neste novo escenario, poranse en marcha axudas á dixitalización, para a activación de redes sociais, posicionamento web, software de xestión ou participación en portais. E ademais, fixo fincapé no impulso á loxística e a venda en liña.

Por último, o presidente da Xunta sinalou a opinión da Xunta de que os ERTE de autónomos de baixa por cesamento de actividade precisan dunha actualización da normativa laboral por parte do Goberno central, co obxectivo de dar flexibilidade ao comercio e permitir que se poidan adaptar ao comezo da actividade
 

Imaxes relacionadas