O conselleiro de Educación comparte neste órgano as previsións abordadas co Goberno central e as CCAA para o protocolo do vindeiro curso escolar

Román Rodríguez traslada ao Comité Educativo tres obxectivos principais para o próximo curso: o reforzo das aprendixazes, o benestar emocional e o impulso dun modelo de centros postcovid

Nos próximos días celebraranse reunións sectoriais cos distintos axentes do sistema educativo para informar das medidas avanzadas na Conferencia Sectorial

Destaca que Galicia parte dunha posición adiantada respecto dalgunhas das medidas propostas onte polo Ministerio, como os plans de reforzo

A Xunta impulsará un protocolo de transición desde unha perspectiva integral para garantir a seguridade sanitaria, ao tempo que se blinda a calidade e equidade

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe o Comité Educativo, onde informou sobre as medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte á covid-19 para o próximo curso 2021-2022 abordadas onte na reunión conxunta da Conferencia Sectorial de Educación e o Consello Interterritorial de Sanidade. Neste órgano de asesoramento do Goberno galego fronte á pandemia no ámbito académico, o conselleiro sinalou como obxectivos para o vindeiro curso o reforzo das aprendizaxes e contidos e o benestar emocional nun novo modelo de centros poscovid.

Este é o primeiro dunha rolda de encontros sectoriais que se celebrarán nos vindeiros días cos diferentes axentes do sistema educativo para informar das previsións para o protocolo do vindeiro curso, con reunións coa Xunta Autonómica de Directores e o Consello Escolar de Galicia.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a posición adiantada de Galicia respecto dalgunhas das medidas propostas na Conferencia Sectorial. Neste sentido, referiuse a cuestións como o investimento por alumno, baremo no que o sistema educativo galego é o primeiro, ou o alumnado por profesor, onde Galicia é segunda Comunidade Autónoma, só por detrás de Estremadura.

Estabilización do profesorado


Así mesmo, o esforzo da comunidade educativa galega e os investimentos realizados permitiron manter a case total presencialidade nas aulas galegas durante todo o curso 2020/2021, algo que supón unha clara vantaxe comparativa respecto doutras CCAA.

Por outra banda, salientou que o Goberno galego está a apostar pola estabilización do profesorado. “De feito temos en marcha procesos selectivos para preto de 6.000 docentes entre as ofertas de 2020 e 2021 e nos últimos anos convocamos máis de 10.000 prazas”.

Plan Recupera para o alumnado

O conselleiro sinalou que, xunto coa seguridade sanitaria, o principal obxectivo da Xunta é blindar o sistema educativo galego como un referente de equidade e calidade, a través dunha perspectiva integral e un protocolo de transición. Ademais, explicou que Galicia leva xa tempo traballando nunha das liñas trasladadas onte polo Ministerio, a posta en marcha de programas de recuperación das competencias non adquiridas durante a pandemia. Na nosa Comunidade desenvolverase a través do Plan Recupera, unha das estratexias prioritarias do Goberno galego para o vindeiro curso.

A Xunta comprométese coa implementación deste programa, malia que o Goberno central aínda non se pronunciou sobre a dispoñibilidade de fondos específicos para desenvolver iniciativas deste tipo, ou da posibilidade de empregar os fondos europeos para financialas. Varias comunidades autónomas amosaron na Conferencia Sectorial de onte a súa preocupación fronte a esta indefinición.

Ademais, recordou que este curso xa está en marcha o Plan de Benestar Emocional, co que se están a combater os efectos negativos que a pandemia poida ocasionar sobre os membros da comunidade escolar neste ámbito.

Aprendizaxes da pandemia

Por outra banda, o conselleiro destacou que Galicia vai aproveitar a oportunidade para aprender dos aspectos positivos e hábitos que a pandemia trouxo. A este respecto, a Xunta está a ultimar xa o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a través da que se deseña o novo modelo de centros educativos poscovid, con espazos máis amplos, mellor ventilados e cunha maior relación coa contorna, en definitiva, máis saudables.

Imaxes relacionadas