A Xunta márcase como obxectivo chegar aos 140.000 peregrinos antes de acabar o ano

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, continua hoxe o percorrido do Camiño Portugués da Costa dende o albergue de peregrinos de Briallos, en Portas

Alfonso Rueda indicou que a Xunta leva moitos meses traballando para ter todo listo para acoller nas mellores condicións aos peregrinos e para poder ter o mellor Xacobeo posible

A mensaxe de Galicia como destino seguro está repercutindo positivamente tanto no Camiño como no turismo en xeral

Neste mes de xullo recibimos un 80 por cento máis de viaxeiros que en 2020 e resistimos 20 puntos mellor que a media nacional con respecto ao 2019

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2021

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou a importante reactivación que están a ter as diferentes rutas do Camiño de Santiago e indicou que espera que este ano remate coa chegada de 140.000 peregrinos.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde de Portas, entre outros, partiron esta mañá dende o albergue de peregrinos de Briallos, no concello de Portas, para continuar co percorrido do Camiño Portugués da Costa que comezaron onte na Guarda.

Alfonso Rueda precisou que ao igual que no resto das rutas apreciase un gran número de peregrinos e así o reflicten os datos xa que cada día chegan a Santiago unha media de 1.400, de aí a estimación de rematar o ano superando os 140.000 peregrinos.

A Xunta leva moitos meses traballando para ter todo listo e acoller nas mellores condicións aos peregrinos, preparando e adecuando o Camiño a estas novas circunstancias, adaptando os albergues, mellorando as rutas e poñendo en marcha o seguro coronavirus para poder ter o mellor Xacobeo posible.

“Esperamos chegar a finais deste mes aos 100.000 e vamos polo bo camiño porque no que vai de ano selaron a Compostela máis de 86.000 persoas. E son moitos máis os que fixeron o Camiño sen selar a credencial”, indicou o vicepresidente primeiro.

Grazas ao traballo levado a cabo polo Goberno galego para ter todo listo e nas mellores condicións para acoller aos peregrinos, así como a mensaxe de que Galicia é un destino seguro e coa posta do seguro coronavirus, está repercutindo moi positivamente tanto no Camiño e no turismo en xeral.

“Neste mes de xullo recibimoso recibimos un 80 por cento máis de viaxeiros que en 2020 e resistimos 20 puntos mellor que a media nacional con respecto ao 2019. Uns datos que reflicten traballo dos hostaleiros e a súa implicación para facer cumprir as restricións sanitarias que garantan unha hostalería segura”, rematou Alfonso Rueda.

Imaxes relacionadas