O Centro Ramón Piñeiro homenaxea pola súa xubilación a Blanca Ana Roig Rechou, unha das súas fundadoras

O secretario xeral de Política Lingüística foi o encargado de entregarlle á protagonista o primeiro exemplar de Verbas amigas. Homenaxe a Blanca Ana Roig Rechou, un volume de homenaxe en agradecemento polas súas contribucións á cultura galega

Ademais, pola tarde asistiu á celebración do 30 aniversario do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que tamén recoñeceu ao seu fundador, Xulio Ríos

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de homenaxe que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) organizou pola xubilación de Blanca Ana Roig Rechou, unha das fundadoras e investigadora deste centro da Xunta de Galicia.

Valentín García expresou o agradecemento a Blanca Ana en nome da Consellería de Cultura, Educación e Universidade “por toda unha vida dedicada a ensinar e divulgar o coñecemento da nosa lingua e literatura, ademais de ser sempre unha gran dinamizadora cultural fiel aos seus principios e á súa xente”. “Este acto e este libro non son o remate de nada, simplemente marca unha efeméride no camiño da vida dunha profesora e amiga á que lle quedan moitos proxectos por iniciar e á que necesitamos no día a día da lingua galega”, rematou o responsable de Política Lingüística.

O Auditorio da Cidade da Cultura acolleu este acto no que tamén tomaron parte Manuel González González, coordinador científico do CRPIH; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; José Antonio Gomez, profesor da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico do Porto, e a propia Blanca Ana Roig. Ademais, a homenaxeada estivo arroupada por case un centenar de colegas e compañeiros da investigación e da docencia que quixeron loar a profesora con ocasión da súa xubilación.

Un libro para homenaxear unha vida dedicada ás letras

Blanca Ana Roig Rechou (Portosín, 1949) é unha das ensaístas máis relevantes no ámbito da literatura infantoxuvenil peninsular. Catro décadas dedicadas ao estudo desta escrita en Galicia fan dela non só unha pioneira, senón unha referencia de autoridade neste eido. Coordinadora da Red Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), investigadora principal do Grupo LITER21 da USC, presidenta da Asociación Nacional de Investigación de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), fundadora da Asociación Galego- Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil (ELOS) e, ata agora, profesora da Universidade de Santiago durante case medio século.

Co gallo da súa despedida das aulas, a Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro que ela axudou a fundar e da que foi investigadora e logo directora da Área de Literatura, editou o volume Verbas amigas. Estudos en homenaxe a Blanca Ana Roig Rechou en agradecemento polas súas contribucións á cultura galega ao longo de todos estes anos. O libro reúne máis de medio cento de colaboracións nas que colegas docentes, ilustradores, compañeiros en grupos de investigación, alumnado de seu e mais escritores e ensaístas achegan os seus textos para a homenaxear. Amais, este volume complétase con diversos textos prologais e unha completa cronobiografía na que se dá conta da súa brillante traxectoria intelectual e das destacadas contribucións por ela feitas ao estudo da literatura galega en xeral e da literatura infantoxuvenil en particular.

30 aniversario do IGADI

A capital galega tamén acolleu hoxe outra homenaxe, a de Xulio Ríos, fundador e presidente de honra do IGADI. Coincidindo co 30 aniversario desta institución, o Pazo de Raxoi, seo do Consello da Cultura Galega, reuniu a numerosos representantes da cultura, política e ciencia galegas. O secretario xeral de Política Lingüística asistiu polo serán a este acto-homenaxe presentado por Daniel González Palau, director do IGADI. Fundado en 1991, este instituto leva traballando tres décadas no estudo das relacións internacionais e institucionais así como na proxección de Galicia no mundo.

Imaxes relacionadas