Preto de 100 propostas preséntanse á II Edición dos Premios de Innovación en Saúde destinados a incentivar as ideas de profesionais sanitarios e asociacións de pacientes

O xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa, detalla no Parlamento as iniciativas postas en marcha polo departamento sanitario galego para promover a innovación no sistema público de saúde da nosa comunidade

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021

O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, detallou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, as iniciativas postas en marcha polo Sergas para promover a innovación no Sistema público de saúde.

Subliñou, así mesmo, a boa acollida da II Edición dos Premios de Innovación en Saúde convocados por ACIS para incentivar as ideas neste campo por parte dos profesionais sanitarios e das asociacións de pacientes, dos que, proximamente, está prevista facer pública a resolución dos mesmos. En total, recibíronse 99 propostas, (76 son ideas de profesionais e 23 de pacientes e asociacións).

Iniciativas do Sergas

Entre as iniciativas postas en marcha polo Sergas para promover a innovación no Sistema público de Saúde que destacou Fernández-Campa, están, InnovaMicroLab, enmarcada dentro do convenio asinado entre o Sergas e o Ministerio de Ciencia e Innovación, que busca promover o desenvolvemento de solucións para necesidades non cubertas dos servizos públicos a través do mecanismo da Compra Pública de Innovación.

Con este proxecto, preténdese desenvolver dúas plataformas tecnolóxicas totalmente automatizadas que redunden de maneira clara e directa na saúde da cidadanía. Unha plataforma microbiolóxica de diagnóstico rápido que permita obter un diagnóstico fiable de calquera patoloxía infecciosa, con detección temperá de bacterias resistentes aos antibióticos; e outra plataforma de metaxenómica e culturómica, que posibilite identificar cambios no microbioma humano asociado a enfermidades (cardiovasculares, diabetes, obesidade, fibrose pulmonar e demencia, entre outras), a partir de mostras clínicas.

Estas dúas plataformas deberán estar acompañadas de ferramentas informáticas de última xeración e de Big Data. Este proxecto de innovación está en marcha a través do Servizo de Microbioloxía do C.H. Universitario da Coruña.

Outro dos proxectos destacados polo xerente de ACIS é Innovatraial, destinado á creación dunha plataforma ou dun sistema autonómico de información da investigación clínica no Sistema público de saúde de Galicia. Trátase de deseñar unha solución que permita aos sistemas de saúde conectar mellor a investigación clínica coa parte asistencial.

Outras iniciativas que se están a desenvolver dentro do Sergas na súa decidida aposta pola innovación como mecanismo de mellora dos servizos públicos sanitarios, abranguen materias como a rehabilitación virtual motora mediante habilidades domésticas, Proxecto denominado HOMEWORKSREHAB, consistente nun software de desenvolvemento propio para gafas de realidade virtual pensado para ser utilizado no tratamento de patoloxías relacionadas co dano cerebral adquirido.

Na súa intervención, o xerente de ACIS tamén destacou o Proxecto NEUROQUANT, destinado a incorporación á práctica clínica de biomarcadores de neuroimaxe, e que facilitaría o traballo en equipo de radiólogos e neurólogos mellorando a detección precoz das enfermidades neurodexenerativas; o Proxecto MINERVA, destinado á utilización de técnicas de procesado de neuroimaxe para axudar aos clínicos no proceso diagnóstico do ictus e o alzhéimer; o Proxecto AVECEN, consistente nunha plataforma específica para a xestión de pacientes con enfermidades neurodexenerativas que posibilite que facultativos e coidadores realicen un seguimento activo da evolución do paciente; a iniciativa CI3D, proxecto de próteses e implantes para a fabricación a medida por sistemas de impresión en 3D; ou o Proxecto SEMDA, centrado na estimulación multisensorial das persoas maiores.

Imaxes relacionadas