A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou esta tarde no XXXII Ciclo Luis Asorey sobre a dixitalización do sector agrario en Galicia

A Xunta destaca que as novas tecnoloxías permitirán mellorar os procesos produtivos tradicionais e xerar un maior valor engadido nos produtos do agro

Inés Santé lembrou que fai máis de vinte anos que é imprescindible facer uso da tecnoloxía GIS para a ordenación e a xestión do territorio

Puxo en valor tres proxectos de dixitalización da Consellería do Medio Rural: o sistema de xestión do Banco de Terras, o sistema de información de terras de Galicia e as futuras Smart Villages

Lugo, 24 de novembro de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta tarde no XXXII Ciclo Luis Asorey sobre a dixitalización do sector agrario de Galicia, onde reiterou que tanto a tecnoloxía como a dixitalización son o futuro do medio rural, xunto coa sustentabilidade e a transición ecolóxica. Precisamente, sobre este uso da tecnoloxía, Inés Santé lembrou que fai máis de vinte anos que é imprescindible o emprego dos sistemas de información xeográfica (GIS) para a ordenación e a xestión do territorio.

Neste senso, a directora xeral puxo en valor tres proxectos de dixitalización da Consellería do Medio Rural que son claves para unha correcta identificación e xestión do territorio. Así, sinalou que o sistema de información de terras de Galicia é unha SIG-web para a xestión do Banco de Terras de Galicia. Grazas a esta ferramenta, explicou, calquera usuario pode consultar as parcelas do Banco de Terras, as súas características e o seu estado (se están dispoñible ou non para arrendar). Pero, ademais, a directora xeral sinalou que este sistema ten tamén unha parte privada empregada polos técnicos da Administración galega que lles permite dar de alta ou de baixa as parcelas e, incluso, xerar os contratos de arrendamento. Esta ferramenta, engadiu, foi clave na creación do propio Banco de Terras, pois sería inviable crear este banco sen este sistema de información do territorio.

Tendo en conta esta base, Inés Santé explicou que na actualidade estase a traballar para converter esta ferramenta nun sistema máis amplo, que centralice todas as bases de datos, sistemas de información e rexistros da propia Consellería que xestionan información cun compoñente xeográfico. Neste senso, a directora xeral explicou que coa nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, reguláronse novas funcións para este sistema co fin de que poida xestionar os novos instrumentos de regula esta norma, entre eles, os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as actuacións de xestión conxunta.

Ademais, matizou a directora xeral, con esta ampliación de funcións, o sistema de información de terras de Galicia pasará tamén a integrar o mapa de usos agroforestais de Galicia e as reestruturacións parcelarias. Todas estas melloras tecnolóxicas, subliñou Inés Santé, completaranse co desenvolvemento dunha nova aplicación para dispositivos móbiles, co fin de empregala nos procesos de participación pública que se levan a cabo nos distintos instrumentos de mobilización de terras, para que os participantes poidan deseñar facilmente a zona ocupada por un polígono ou por unha aldea modelo.

Por último, a directora xeral sinalou que o seu departamento está a traballar nunha estratexia de aldeas modelo. Así, explicou que no ano 2019 a Consellería puxo en marcha estas figuras co obxectivo de recuperar un modelo tradicional de asentamento da poboación no territorio galego pero adaptado ao século XXI. Así, trasladou que estas aldeas modelo teñen que cumprir varias condicións, entre elas ser xeradoras de actividade económica, ser resilientes aos incendios forestais e proporcionar unha calidade de vida que atraese e fixase poboación no rural.

Unhas características, puntualizou Santé, que se adaptan perfectamente ao concepto de Smart Villages que están a impulsar desde Europa. Ademais, para completar estas aldeas, a directora xeral explicou que na propia Lei de recuperación se integrou o Plan de dinamización do núcleo rural, un mecanismo de cooperación entre a Xunta e os concellos para promover a rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística do núcleo destas aldeas.

Neste senso, Inés Santé destacou as 14 aldeas modelo xa declaradas na nosa comunidade, que suman máis de 400 hectáreas e 7.500 parcelas de máis de 1.600 veciños. A esta cifra, indicou, habería que sumarlle outras 15 aldeas que xa están moi avanzadas, nas que a Consellería delimitou unha superficie de case 380 hectáreas. “Tratamos de conseguir un territorio innovador que constrúa vantaxes competitivas en función das capacidades e a identidade propia dun territorio determinado”, matizou a directora xeral.

Por último, a directora xeral insistiu na necesidade de facer un maior e mellor uso das novas tecnoloxías e da dixitalización para construír un rural intelixente. Estas novas ferramentas permitirán mellorar os procesos produtivos tradicionais, sen perder a súa esencia e xerando un maior valor engadido nos produtos. Precisamente, co obxectivo de seguir implantando solucións innovadoras e novas tecnoloxías nas aldeas modelo, a Consellería iniciou esta mesma mañá un proceso de compra pública que pretende conseguir solucións en 4 liñas: desenvolvemento de servizos dixitais rurais, solucións para a bioeconomía en aldeas, sustentabilidade e aproveitamento da produción agraria en aldeas modelo (orientado á economía circular entre elas) e melloras no núcleo das aldeas modelo.