Xunta e Forzas de Seguridade acordan extremar a vixilancia no cumprimento das normas sanitarias nestes días de Nadal

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia cos xefes das policías locais das principais cidades galegas e cos mandos policiais da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica, para extremar os controis e incrementar os dispositivos para evitar infraccións

Os axentes controlarán que se están a cumprir as normas en vigor nos distintos ámbitos ademais de vixiar a celebración de botellóns, que están prohibidos

Tamén se comprobará que os profesionais e usuarios de sectores nos que é obrigatorio amosar o certificado covid para acceder están a respectar esta medida

Ademais das medidas vixentes, as que se acorden mañá na reunión da Conferencia de Presidentes trasladaranse tamén ás forzas e corpos de seguridade a través da Sacop para vixiar o seu cumprimento

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron esta tarde unha reunión por videoconferencia cos xefes das policías locais das principais cidades galegas, así como os mandos autonómicos da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica, onde acordaron extremar a vixilancia no cumprimento das normas sanitarias nestes días de Nadal e abordar a coordinación dos dispositivos entre as distintas forzas e corpos de seguridade.
No encontro tamén participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.
O vicepresidente primeiro da Xunta apelou unha vez máis á responsabilidade individual e ao “sentidiño” da poboación, e solicitou máxima prudencia para previr contaxios. Nesta liña, aclarou que con independencia de que haxa un alto índice de vacinación, as cifras de contaxios están sendo altas e todos debemos cumprir as normas. Destacou que unha maior presenza policial nestes días é fundamental para velar polo cumprimento das normas e detectar, denunciar e sancionar comportamentos e conductas irresponsables que poñen en perigo a saúde de todos.
Os axentes vixiarán especialmente que se respecte a obrigatoriedade do uso da máscara e a distancia de seguridade, xunto co resto de medidas vixentes nos distintos ámbitos, para frear o avance do virus, tendo en conta que a actual evolución da incidencia en Galicia esixe ter moita máis precaución, evitando aglomeracións e limitando os riscos.
Perante uns días que se prevén moitos desprazamentos e na que tradicionalmente se celebran moitas xuntanzas en Galicia, as autoridades e os mandos policiais recordan a necesidade de seguir respectando as restricións ás que obriga a situación sanitaria pola covid-19. Polo tanto, tal e como se acordou no encontro, os axentes controlarán que os establecementos abertos ao público cumpran as normas vixentes e que non se celebren botellóns, que están prohibidos e levan aparellados sancións.
Tamén comprobarán que profesionais e usuarios están a respectar a obrigatoriedade de amosar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- nos distintos sectores para os que se se aprobou a súa exhibición.
Ademais das medidas vixentes, as que se acorden mañá na reunión da Conferencia de Presidentes entre o Goberno central e as comunidades autónomas trasladaranse tamén ás forzas e corpos de seguridade a través da Sala de Control de Operativos (Sacop) para vixiar o seu cumprimento.
No encontro telemático, Alfonso Rueda agradeceu a labor das forzas de seguridade e pediulles especial vixilancia estes días de festa, lembrando tamén que unha alta porcentaxe de contaxios se producen en encontros familiares.

Imaxes relacionadas