O diagnóstico precoz e os tratamentos en unidades asistenciais experimentadas melloran a taxa de supervivencia do cancro en rapaces

No Día Internacional do Cancro Infantil, o conselleiro de Sanidade visitou á unidade de oncopediatría do Hospital materno infantil, na Coruña, onde os nenos reciben atención para a súa doenza e seguen tratamentos de quimioterapia ou inmunoterapia

Durante a pandemia, o Sergas mantivo o seu nivel de atención ao cancro infantil, detectando 70 novos casos de tumores pediátricos durante o ano 2021 e 71 en 2020, cifras similares aos 64 casos rexistrados en 2019 ou os 69 de 2018

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022

Co gallo do Día Internacional do Cancro Infantil, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou o hospital de día e a unidade de oncopediatría do Hospital materno infantil Teresa Herrera da Coruña onde os nenos ingresados reciben atención para a súa doenza e seguen tratamentos de quimioterapia ou inmunoterapia. Estivo acompañado polo xerente do Área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro; o subdirector asistencial do hospital, Alejandro Ávila Álvarez; e o xefe do servizo de Pediatría, Jerónimo Pardo Vázquez. Durante a súa visita, García Comesaña, conversou co equipo de oncoloxía pediátrica que presta servizo nesta unidade.

O Servizo Galego de Saúde mantivo o seu nivel de atención ao cancro infantil durante a pandemia pola covid 19, detectando 70 novos casos de tumores pediátricos durante o ano 2021 e 71 en 2020, cifras similares aos 64 casos rexistrados en 2019 ou os 69 de 2018. En comparación con outras idades, a incidencia de cancro na infancia é baixa. Nos últimos anos, ferramentas como o diagnóstico precoz e o tratamento en unidades asistenciais con experiencia, melloraron as taxas de supervivencia que superan o 70% a día de hoxe. Con todo, esta doenza é a segunda causa de morte en menores de 18 anos.

A falta de consolidar os datos do pasado ano, durante o ano 2020, rexistráronse arredor de 840 ingresos de menores de idade nos hospitais da rede pública do Servizo Galego de Saúde e Povisa. Estes ingresos tiveron como obxectivo que os rapaces recibiran atención sanitaria á súa doenza oncolóxica e puideran seguir algún tipo de tratamento: quimioterapia, inmunoterapia ou radioterapia.

Tratamento do cancro infantil en Galicia

Na nosa comunidade, dende finais do ano 2017, a atención os menores con cancro lévase a cabo mediante unha rede asistencial de profesionais expertos en oncoloxía pediátrica, tal e como recolle a Resolución de 29 de setembro dese mesmo ano, pola que se crea a Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia. Trátase dunha unidade, formada por expertos que centraliza todos os casos para consensuar a abordaxe, tratamento e manexo de cada paciente, dende o punto de vista clínico. O cancro infanto-xuvenil é unha enfermidade de gran impacto individual, familiar e social, cuxos principais condicionantes son a baixa incidencia e a necesaria especialización no seu tratamento.

Esa forma de traballo en rede permite dispoñer de toda a información clínica do paciente, compartir criterios clínicos e aproveitar mellor o coñecemento interno da organización para referir o paciente ao profesional máis cualificado da rede, pero sen a perda da referencia dos seus profesionais e do seu centro de orixe. Con este modelo organizativo, fíxose posible acadar unha axeitada coordinación para a atención e coidados de todos os casos de cancro en rapaces, coherente coas súas necesidades específicas, tal e como recoñeceu o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, en maio de 2018.

Ademais, a creación da Unidade permitiu incrementar a accesibilidade ás técnicas diagnósticas e terapéuticas, ademais de acercar os recursos asistenciais e proporciona un entorno máis favorable para a formación docente, tanto continuada como especializada.

Imaxes relacionadas