A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse coa Comisión de Infraestruturas e PXOM da Confederación Empresarial de Ourense

A Xunta impulsará mesas de diálogo permanente entre transportistas e cargadores para facilitar o funcionamento harmónico e transparente da cadea loxística en Galicia

Ethel Vázquez adianta o reforzo da Xunta arbitral de transportes e as mesas de diálogo para o seguimento das relacións entre cargadores, distribuidores e transportistas, iniciativa que debera estenderse tamén ao resto de España

Lembra que a Xunta foi pioneira ao lexislar para garantir a viabilidade das obras públicas ante a suba dos materiais e coincide co sector da construción en que o Real Decreto do Goberno central é insuficiente

Salienta que están en marcha investimentos autonómicos por máis de 60 M€ na cidade de Ourense, coas sendas, o novo eixe de mobilidade sostible de conexión norte-sur e a ampliación e reforma do hospital

Lembra que o Consello da Xunta aprobou recentemente a construción dun itinerario peonil para conectar a cidade de norte a sur, desde a intermodal ata Bemposta

Remarca o inicio dos traballos previos para comezar a ampliación e reforma do hospital de Ourense, cun investimento de 52 M€ e 1.000 empregos asociados

Salienta que a Xunta, a pesar dos obstáculos do Goberno central para investir fondos Next Generation no rural, xa someteu a información pública a mellora da estrada Celanova-fronteira portuguesa, cun orzamento autonómico de máis de 10 M€
 

Ourense, 28 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta impulsará mesas de diálogo permanente entre transportistas, distribuidores e cargadores para facilitar o funcionamento harmónico e transparente da cadea loxística en Galicia.

Vázquez Mourelle, co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse hoxe coa Comisión de Infraestruturas e PXOM da Confederación Empresarial de Ourense.

Explicou que pese aos avances dos últimos días, os problemas de fondo no sector do transporte non están solucionados, polo que trasladou a vontade da Xunta de desempeñar un papel de mediación activa que facilite a actividade do colectivo.

Neste sentido, remarcou que o Goberno galego vai axilizar e reforzar a Xunta arbitral de transportes para resolver de forma rápida os conflitos puntuais.

Ademais, adiantou o impulso desas mesas de diálogo permanente e transparente para o seguimento das relacións entre cargadores, distribuidores e transportistas co fin de facilitar o funcionamento harmónico e transparente da loxística en Galicia. Unha iniciativa, dixo, que debería facerse extensiva ao resto de España. Tratase, remarcou, de medidas demandadas polos transportistas para mellorar a situación actual.

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta vén apostando polo diálogo co sector do transporte de mercadorías desde os primeiros momentos do paro, con reunións permanentes nas que os profesionais trasladaron que a solución pasa pola adopción de medidas estruturais no seo do Goberno de España fronte á súa situación de asfixia.

O Goberno galego traballou estas semanas no consenso de medidas para mitigar no posible os danos, en moitos casos irreparables, do paro do transporte. Dese xeito, grazas á vontade de colaboración de moitos empresarios, acadáronse unhas garantías mínimas para o sector primario, o material sanitario e os servizos esenciais.

A responsable de Infraestruturas tamén recordou que a Xunta foi pioneira ao lexislar para garantir a viabilidade das obras públicas fronte a suba exorbitada dos prezos dos materiais de construción cando o Goberno de España non lle daba resposta.

Detallou que a aprobación do Real Decreto sobre os prezos dos materiais por parte do Executivo central é insuficiente para o sector da construción, polo que reclamou maior flexibilidade na imprescindible revisión de prezos.

Investimento de 60 M€ na cidade de Ourense

Na súa intervención, a conselleira destacou que o seu departamento desenvolverá de forma inminente investimentos por valor de máis de 60 M€ en infraestruturas para mellorar a calidade de vida e dinamizar a economía e o emprego na cidade de Ourense.

Subliñou que está funcionando a nova estación de autobuses da intermodal, co solar da vella terminal listo para albergar a futura residencia da 3ª idade; e recentemente inaugurada a reforma de acondicionamento da contorna da Capela dos Remedios.

Adiantou que pronto rematará a segunda fase das obras de mellora da seguridade viaria en Seixalbo, cun investimento de case 1 M€.

Ademais, sinalou que a Xunta está a redactar o proxecto da circunvalación sur de Ourense, de Bemposta á N-550, para sometelo a información pública este mesmo ano.

Engadiu dúas sendas en fase de contratación: a de Ponte Sevilla, A Rabaza e avenida de Ponferrada; e en Valdorregueiro e Montealegre, cun investimento total de 3,4 M€.

Neste sentido, o Boletín Oficial da Provincia de Ourense recolle hoxe a convocatoria aos titulares dos terreos necesarios para a execución das obras das sendas de Ponte Sevilla, A Rabaza e avenida de Ponferrada. O levantamento de actas previas á ocupación terá lugar hoxe e mañá no Auditorio de Ourense, de 09,30 a 14 horas; e a formalización levarase a cabo o 18 e 19 de maio, no mesmo lugar e horario.

A conselleira tamén recordou que o Consello da Xunta aprobou a construción dun gran itinerario peonil para conectar a cidade de norte a sur, desde a intermodal ata Bemposta, cun investimento de 4,5 M€ para o que se destinarán os fondos Next Generation.

Ademais puxo en valor o inicio dos traballos previos para a ampliación e reforma do hospital de Ourense, cun investimento de máis de 52 M€ e 1.000 empregos asociados.

A estes proxectos e investimentos engadiranse, a curto prazo, o do Centro de Ciberseguridade de Ourense e a nova sede da Xunta na cidade.

Ethel Vázquez lamentou que continúen sen concretarse compromisos do Goberno central como a reforma ferroviaria da estación intermodal, aínda non adaptada á chegada do AVE, ao igual que os treitos pendentes de contratación da Variante Exterior.

Sumou a estas inquedanzas a ignorancia das demandas en relación coa planificación das autovías Ourense-Lugo e Ourense-Ponferrada por parte do Executivo estatal.

Aposta polo rural

A titular de Infraestruturas e Mobilidade remarcou que a Xunta mantén o compromiso coa provincia de Ourense, a pesar de que o Goberno central impida que se gasten en concellos pequenos os fondos Next Generation e promova unha Lei de mobilidade sostible que borra os investimentos fóra das urbes.

Neste sentido, referiu que o Goberno galego vén de someter a información pública a reforma da estrada Celanova-fronteira portuguesa mediante un investimento de máis de 10 M€ que suporá unha mellora desa vía en beneficio de 13.000 veciños da Baixa Limia.

Salientou que é unha actuación ambiciosa que a Xunta impulsa a pesar das dificultades que impón o Goberno de España. Lembrou que a intervención é compatible co impulso por parte dos Executivos español e luso dunha autovía transfronteiriza a través de Lindoso.
 

Imaxes relacionadas