O presidente do Goberno galego visitou a Autoescola Grupo San Martín de Culleredo

Rueda destaca que as axudas da Xunta para que a xuventude obteña o carné de conducir xa beneficiaron a preto de 4.000 mozos

Avanza que se incrementará o orzamento desta liña de subvencións de cara a vindeiras convocatorias para chegar a máis beneficiarios

Subliña que as achegas van dos 400 aos 1.300 euros para os permisos de coche, camión ou autobús

Recorda as liñas habilitadas polo Goberno galego para apoiar os máis novos, con axudas ao emprendemento, conxelando as taxas universitarias, co Bono alugueiro mocidade ou con accións para mellorar a súa inserción laboral a través do Plan Emprega Xuventude
 

Culleredo (A Coruña), 18 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que as axudas do Goberno galego para que a xuventude obteña o carné de conducir xa beneficiaron a preto de 4.000 mozos nos últimos anos. Nunha visita á Autoescola Grupo San Martín de Culleredo, na que estivo acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o mandatario galego subliñou que as achegas van dos 400 aos 1.300 euros para os permisos de coche, camión ou autobús.

Son moitas as motivacións para obter o carné, sexa por autonomía, como unha inversión de futuro ou para acceder ao mercado laboral. De feito, o presidente da Xunta subliñou que “é un requisito case imprescindible para optar a moitos postos de traballo”. Sabendo da importancia deste permiso para a mocidade galega, a Xunta habilitou unha liña de axudas pola que asume o 50% do custe medio da súa obtención. Desta maneira, uns 3.800 menores de 30 anos recibiron unha achega para sacar o carné nos dous últimos anos.

Perante o éxito desta iniciativa, Alfonso Rueda avanzou que o Goberno galego incrementará o orzamento destas axudas en próximas convocatorias. Ademais, ata o momento o investimento nestas tres edicións do programa foi de 2,2 millóns de euros. Sobre a última, que aínda está en resolución, o presidente da Xunta indicou que xa se recibiron case 4.000 peticións, das que a metade xa están tramitadas.

As contías serán de 400 euros para o carné de coche, 650 para o de camión e 1.300 para o do transporte de pasaxeiros, tendo en conta que, como novidade, na última convocatoria incluíuse tamén a financiación do carné de autobús.

O mandatario galego recordou que a Xunta traballa a diario para que a poboación poida vivir no lugar que cada un elixa, para o que é imprescindible dispor de oportunidades para construír un futuro, especialmente os máis novos. Coa finalidade de que a mocidade sexa quen de emanciparse e de facer realidade os seus proxectos de vida, o Goberno galego habilitou diferentes liñas de axudas para apoialos, como as achegas ao emprendemento, conxelando as taxas universitarias, co Bono alugueiro mocidade ou con accións para mellorar a súa inserción laboral a través do Plan Emprega Xuventude.      

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023