A Xunta reforza a atención primaria no rural coa creación de 35 equipos para atención domiciliaria
Apunta que o obxectivo da Xunta é aumentar nun 50% a actividade asistencial de pacientes crónicos nos seus domicilios con respecto o pasado ano
Explica que estes novos equipos estarán formados por 70 profesionais de enfermaría, que traballarán apoiando as funcións que realiza o persoal dos centros de saúde das zonas rurais e semirrurais de Galicia
Pon en valor que realizarán visitas de “xeito proactivo” para o seguimento de doentes inmobilizados e detectar potenciais problemas clínicos ou sociais
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe que Galicia continúa reforzando a atención primaria con medidas para facer fronte ás actuais demandas da poboación galega. Neste senso, puxo en valor a o “acordo importante” aprobado no Consello da Xunta para a posta en marcha de 35 novos equipos de enfermería que se desprazarán polas zonas rurais e semirruais para atender a domicilio pacientes crónicos.
Rueda precisou que estes novos equipos estarán integrados por un total de 70 profesionais de enfermaría, que realizarán visitas de “xeito proactivo” para o seguimento de pacientes que están inmobilizados na casa “e así detectar a tempo calquera problema tanto clínico como social”.
O mandatario galego indicou que estas novas unidades traballarán apoiando as funcións que realizan os profesionais dos centros de saúde das zonas rurais e semirrurais de Galicia sobre os pacientes cun manexo clínico máis complexo.
Rueda apuntou que o “obxectivo” da Xunta con este reforzo é “aumentar nun 50% a actividade asistencial que xa realizan os profesionais de atención primaria a pacientes nos seus propios domicilios” con respecto o pasado ano e avanzou que a Xunta destinará 3,3 millóns de euros para a creación destes equipos.
Cada equipo estará formado por dous profesionais que traballarán de forma integrada e coordinada co resto de profesionais dos equipos de atención primaria (medicina, enfermaría, traballo social, farmacia, odontoloxía ou nutrición). Os ESAD estarán dotados con 35 vehículos corporativos que facilitarán os seus desprazamentos, material sanitario e equipamento diagnóstico e tecnolóxico propio.
Deste xeito, os profesionais dos centros de saúde situados nos concellos de ámbito rural e semirrural poderán solicitar de xeito autónomo o apoio dos ESAD cando o consideren preciso para resolver situacións clínicas concretas. Ademáis, os equipos de soporte de atención domiciliaria realizarán de xeito proactivo valoracións integrais a determinados pacientes inmobilizados coa finalidade de detectar potenciais problemas clínicos ou sociais que requiran de intervencións por parte dos equipos de atención primaria.
Todo isto contribuirá a aumentar a capacidade resolutiva da atención primaria no ámbito domiciliario, reforzando a atención sanitaria nas zonas rurais e semirrurais xeograficamente dispersas e impulsando a actuación dos profesionais de enfermaría na organización asistencial da atención domiciliaria, nun contexto de traballo colaborativo co resto de profesionais que conforman os actuais equipos de atención primaria.
Mellora organizativa e funcional da atención primaria
A creación e implantación de 35 novos equipos de soporte de atención domiciliaria é unha das medidas máis importantes que estaba previsto implantar en atención primaria para reforzar a atención domiciliaria, cumprindo cos obxectivos recollidos no Plan de acción de atención primaria e comunitaria 2022-2023, no Plan galego de atención primaria 2019-2021, na Estratexia por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde e tamén na Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade.
Unha folla de ruta na cal resulta necesario potenciar o traballo en equipo de todo o persoal de atención primaria, á vez que se fomenta a promoción da competencia profesional de todas as categorías deste ámbito asistencial.