A Xunta fai entrega do material didáctico ‘A saqueta emocional’, deseñado polo CIFP Leixa, ás aulas hospitalarias galegas

Este material didáctico foi deseñado polo departamento de Artes Gráficas do centro, atendendo ás necesidades especificadas polas mestras das aulas hospitalarias do CHUF, do HULA e do CHOU que xa están a facer uso del


Este recurso educativo está dirixido a fomentar a expresión das emocións da infancia hospitalaria promovendo a lingua galega e consta de varios produtos como un taboleiro de mesa, un mandil das emocións, un dicionario e un dominó hospitalario, e un portfolio colectivo
 

Ferrol, 23 de xaneiro de 2023

  A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada pola directora do CIFP Leixa, Ana Roel, e o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, presidiu esta mañá o acto de entrega do material didáctico para aulas hospitalarias A saqueta emocional á totalidade das áreas sanitarias galegas.

Aneiros puxo en valor o traballo desenvolvido polas partes implicadas e loou o gran resultado alcanzado. “A miña máis sincera noraboa tanto ás mestras das aulas hospitalarias de Ferrol, Lugo e Ourense, como ao persoal do CIFP Leixa, implicado no deseño, e ao Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol, polo respaldo dado a este proxecto. Un proxecto do que resultou unha ferramenta de atención á diversidade moi valiosa e da que estou segura non só se poden beneficiar as aulas hospitalarias, como xa o están a facer, senón tamén os departamentos de orientación de todos os centros educativos, promovendo o uso da lingua galega nas idades máis temperás e no ámbito familiar”, destacou a delegada territorial.

Este material educativo, innovador e inclusivo, é o resultado do traballo das mestras das aulas hospitalarias do CHUF, Pilar Porta; do HULA, Margarita Agruña, e do CHOU, Montserrat Otero, quen aportaron as necesidades, ferramentas e obxectivos didácticos, e a xefa de departamento de Artes Gráficas do CIFP Leixa, María Salas, quen a través do traballo de aula cos seus alumnos, deseñou o material.

Durante o acto, as docentes participantes no proxecto, expuxeron a súa experiencia de traballo co material do que destacaron un balance moi positivo dende o punto de vista da humanización, da didáctica, da intervención pedagóxica e mesmo dende o punto de vista familiar.

As aulas hospitalarias que participaron na elaboración do material (Ferrol, Lugo e Ourense) xa levan ano e medio traballando con este recurso do que, a partir de hoxe, tamén dispoñen as aulas hospitalarias da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo. A saqueta emocional está dirixida a fomentar a expresión das emocións da infancia hospitalizada (menores entre os 3 e os 16 anos de idade) e consta de varios produtos: un portfolio colectivo, un taboleiro de mesa, un mandil para interactuar coas emoción, un dicionario hospitalario, un dominó e a propia saqueta.

O proxecto estivo coordinado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol e baixo a supervisión da Coordinación de equipos de dinamización da lingua galega da Secretaria Xeral de Política Lingüística, aos que durante o acto tamén se lles fixo entrega doutras dúas saquetas para que as poñan a disposición dos centros educativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2023