A Xunta e Alar Galicia colaboran para previr o suicidio e as condutas de adicción entre nenos e mozos

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director da entidade, Fernando González Truque, explican que a sede da Xunta acollerá en marzo unhas xornadas divulgativas sobre dous programas que desenvolve Alar co financiamento da Consellería de Sanidade

Lugo, 26 de xaneiro de 2023 A Xunta e Alar Galicia impulsan unhas xornadas divulgativas sobre dous programas que desenvolve a entidade financiados pola   Consellería de Sanidade, orientados respectivamente a previr o suicidio e as condutas adictivas entre nenos e mozos.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, e o director de Alar Galicia, Fernando González Truque, reuníronse hoxe para comezar coa organización. Está previsto que participen especialistas do ámbito sanitario, xurídico e das forzas e corpos de seguridade.

O obxectivo é sensibilizar sobre o impacto destas condutas entre a poboación nova e difundir as ferramentas que a entidade, coa colaboración da Xunta, pon á disposición da pobación a nivel de toda Galicia para concienciar sobre estes problemas e previlos. Tamén para incentivar que se adhiran aqueles axentes cuxa intervención ten moita importancia neste ámbito, como os concellos a través dos traballadores sociais ou os propios centros educativos.

Un dos proxectos é o denominado Voitheia, que ten por obxecto reducir as taxas de suicidio entre poboación de 12 a 30 anos. Trata de dar cobertura a todas as áreas da vida dos afectados -ámbito familiar, escolar... - ofrecendo apoio e asesoramento gratuíto por parte de profesionais sanitarios e dun xeito totalmente confidencial. Unha das principais vantaxes é que permite prestar atención directa e inmediata aos afectados.

Outro dos programas, o chamado Morpheo, está centrado en previr as condutas adictivas entre a xente moza. Tamén ofrece un servizo gratuíto con atención profesional en toda Galicia e pon o foco non só no abuso de substancias senón tamén das novas tecnoloxías. Así, ofrece estratexias para axudar aos nenos e adolescentes e ás familias a regular o uso de recursos como internet, o móbil ou os videoxogos, entre outros aspectos.

Arias afirmou que este é un dos ámbitos nos que a Xunta colabora con Alar Galicia, que ten en marcha outras iniciativas co apoio de diferentes departamentos do Goberno galego como os programas de mediación social e intercultural, de coaching de menores ou o de prevención da violencia de xénero. 


A Xunta incrementa as axudas dos programas de prevención do suicidio

Cómpre sinalar que a Xunta incrementa en 2023 ata os 500.000 euros a convocatoria de axudas destinada aos programas de prevención do suicidio.

Ademais, o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 posibilitou que o Servizo Galego de Saúde aumentase o número de unidades de prevención do suicidio do Sergas, acadando a cifra de sete unidades especializadas coa posta en marcha este ano da sétima na área de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023