A Xunta aproba o proxecto básico das obras do novo centro de saúde da Rúa
Vázquez Mourelle explicoulle ao rexedor que este proxecto define unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións
Concreta que a Xunta está a traballar xa na elaboración proxecto de execución, que permitirá unha vez aprobado, licitar o contrato de obras
O novo centro, cuxas obras se estima suporán un investimento de 2,4 M€, contará cunha superficie construída de máis de 1.000 m2, duplicando a superficie actual
As instalacións constarán dunha área de adultos con 3 consultas de medicina xeral e 1 sala polivalente que pode ser usada como consulta médica; 3 consultas de enfermaría, e 1 sala de técnicas
Tamén haberá un área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia, e un aseo e sala de espera específicos
Esta actuación é froito da colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa e conforme ao cal o municipio adquiriu e urbanizou, co apoio da Deputación de Ourense, a parcela para o centro de saúde
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2023 A Xunta vén de aprobar o proxecto básico do novo centro de saúde do concello da Rúa. Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, nunha reunión celebrada esta semana.
O Goberno galego prevé un orzamento de 2,4 M€ para a execución das obras do novo centro de saúde da Rúa, que duplicará a superficie actual pasando dos 490 m2 a máis de 1.000.
O novo centro de saúde, segundo concretou Ethel Vázquez, tamén disporá dunha área da muller, cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios.
Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria
O centro de saúde da Rúa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta, e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.