Lorenzana pon de relevo en Lugo o papel do Issga na prevención de riscos e para o avance do benestar laboral no traballo autónomo e nas micropemes

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou o centro que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ten en Lugo

Nestas dependencias traballan na actualidade 16 persoas que desenvolven as súas funcións nas áreas técnicas de seguridade no traballo e hixiene industrial, medicina no traballo, ergonomía e psicosocioloxía
 

Lugo, 28 de xaneiro de 2023.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou as dependencias do centro provincial que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ten en Lugo, onde destacou o importante labor desta entidade no apoio ás políticas de prevención de riscos, de apoio técnico a empresas e de promoción da cultura do benestar laboral con especial atención ás micropemes e ao traballo autónomo.

Tal e como puxo de relevo Lorenzana, o papel do Issga é fundamental na xestión e coordinación das políticas da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde laboral, coa participación no seu deseño dos interlocutores sociais, e na creación dunha auténtica cultura da prevención de riscos que permita combater a sinistralidade e avanzar no benestar laboral no seo das organizacións.

As actuacións do ISSGA diríxense a toda a poboación traballadora, e, “de xeito especial ás pemes e micropemes por precisar unha tutela especial na xestión da prevención de riscos laborais, e tamén promoción da prevención no traballo autónomo”, destacou a conselleira.

A delegación do Issga en Lugo, situada na Ronda de Fingoi, conta na actualidade con 16 persoas traballadoras que se reparten nunha Xefatura, a área técnica de seguridade no traballo e hixiene industrial, a de medicina no traballo e ergonomía e psicosocioloxía aplicada, e persoal administrativo.

Entre outras funcións, o centro orienta o seu quefacer na investigación das enfermidades profesionais, dos accidentes laborais -prestando asistencia técnica á Inspección de Trabajo y Seguridad Social e co asesoramento técnico a empresas e persoas traballadoras- e na atención aos riscos psicosociais e os factores organizacionais para avanzar no benestar laboral. Neste eido Lorenzana destacou que o centro de Lugo conta cun laboratorio de análise que presta apoio aos recoñecementos médicos profesionais.

O Issga conta na actualidade con catro centros provinciais para levar adiante as súas funcións de xestión e coordinación das políticas do Goberno galego en materia de seguridade e saúde laboral.

A conselleira subliñou que durante este mes o Issga está a dar difusión á súa primeira campaña do ano 2023 co obxectivo de divulgar as súas funcións e actuacións, e poñerse ao dispor do tecido empresarial galego. Faino baixo o título Órgano técnico especializado en Prevención de Riscos Laborais e promoción da saúde no traballo. Estase dando visibilidade a esta iniciativa a través dun calendario e carteis onde se recollen doce dos principais ámbitos de actuación deste órgano técnico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2023