A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá a lagoa de San Pedro de Muro, no municipio coruñés de Porto do Son

A Xunta impulsa a inclusión de 400 espazos naturais no inventario de zonas húmidas de Galicia

Ángeles Vázquez explica que neste rexistro se recollerá información sobre a localización, superficie e estado destas zonas, datos que axudarán na súa xestión


Subliña que o 2 de febreiro se conmemora o Día Mundial dos Humidais e pon en valor a grande riqueza que alberga Galicia en canto a este tipo de espazos, xa que é a terceira comunidade española con máis humidais na lista internacional Ramsar
 

Porto do Son (A Coruña), 28 de xaneiro de 2023

A Xunta está a traballar na inclusión dun total de 400 espazos naturais no Inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro de carácter público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo existentes na Comunidade e que, polo tanto, constituirá unha base fundamental para a súa xestión.

Así o avanzou esta mañá en Porto do Son a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou en compañía do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e do rexedor municipal, José Luis Oújo, a lagoa de San Pedro de Muro, unha das zonas húmidas que se incorporarán ao referido inventario.

Cómpre lembrar que a finalidade do rexistro é protexer e destacar o importante papel que xogan estes espazos desde o punto de vista do coidado e da protección da biodiversidade. Actualmente, as zonas húmidas son espazos naturais escasos e delicados, que proporcionan un gran número de recursos e constitúen un valioso patrimonio cultural e natural.

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que as 400 zonas a inventariar no conxunto de Galicia suman máis de 43.000 hectáreas de superficie e destacou sobre todo o peso que teñen na provincia da Coruña, que alberga 216 destes humidais e destaca por ser especialmente rica neste tipo de ecosistemas.

No caso concreto da lagoa de San Pedro de Muro, cunha superficie de 17,31 hectáreas, cómpre salientar que forma parte da Zona de especial conservación complexo húmido de Corrubedo, espazo protexido da Rede Natura 2000.

A visita da conselleira a Porto do Son, ademais, prodúcese na véspera da celebración do Día Mundial dos Humidais, que o vindeiro 2 de febreiro se conmemorará a nivel internacional baixo o lema É hora de restaurar os humidais.

Neste sentido, Ángeles Vázquez fixo fincapé nas medidas impulsadas pola Xunta, como o referido inventario, co fin de promover a conservación e a posta en valor destes espazos naturais nunha Comunidade que conta cunha notable variedade de zonas húmidas e que, no seu conxunto, albergan unha importante riqueza de hábitats, flora e fauna, entre os que se inclúen taxons ameazados e hábitats prioritarios

De feito, lembrou tamén que Galicia é a terceira comunidade española con máis humidais incluídos na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo e do que gozan 6 zonas húmidas galegas: a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2023