O director xeral de Gandaría e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitaron hoxe os postos da II Feira do Mel “Alvariza” en Lalín

A Xunta pon en valor o incremento nun 35% do número de explotacións apícolas en Galicia nos últimos 10 anos

Galicia é a terceira comunidade autónoma en número de explotacións (case 5.000) e a quinta en volume de mel producido (unhas 3.000 toneladas)

A Consellería do Medio Rural aposta fortemente por este sector mediante axudas específicas que se convocan anualmente

A orde de axudas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións, na cal tamén se inclúe o sector apícola, saíu publicada o pasado xoves no Diario Oficial de Galicia e conta cun orzamento total de 38,8 millóns de euros

Lalín (Pontevedra), 28 de xaneiro de 2023 Nos últimos 10 anos, o número de explotacións apícolas aumentou un 35% na nosa Comunidade, duplicando o número de colmeas e situándose moi por riba do incremento medio nacional. Así o destacaron hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, durante a súa visita á II Feira do Mel “Alvariza”, no concello pontevedrés de Lalín.

 

Neste senso, cabe sinalar que Galicia é a terceira comunidade autónoma en número de explotacións (case 5.000) e a quinta en volume de mel producido (unhas 3.000 toneladas). Ademais, cabe indicar que Galicia conta cun selo propio, a indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia, cuxa zona de produción, elaboración e envasado abrangue todo o territorio da nosa Comunidade. Por iso, a Consellería do Medio Rural aposta fortemente por este sector mediante axudas específicas que se convocan anualmente.

 

De feito, o orzamento destas achegas aumentou todos os anos de maneira significativa, pasando de 400.000 euros na convocatoria de 2014 aos máis de 1,3 millóns de euros na última do ano 2022. A correspondente ao ano 2023 sairá proximamente publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

Estas axudas compleméntanse tamén coas de incorporación de mozos, orde recentemente publicada no DOG o pasado xoves 26 de xaneiro, e na que unha parte significativa deste relevo xeracional aposta pola apicultura. Dita orde conta cun orzamento total, contando tamén as liñas de plans de mellora e de pequenas explotacións, de 38,8 millóns de euros.

 

Premios agrogandeiros

Aproveitando a súa visita, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias participará na entrega dos I Premios Agrogandeiros do concello de Lalín, que terá lugar ao mediodía, e onde se recoñecerá o bo traballo de todos os gandeiros e gandeiras do sector lácteo deste municipio.

 

De feito, cabe sinalar que Lalín ten máis explotacións de leite que ningún outro concello galego, con case 300 gandarías que producen máis de 107 millóns de litros cada ano, segundo os datos de 2021. Neste senso, ocupa a terceira posición en produción total, despois de Mazaricos (127 millóns de litros) e A Pastoriza (113 millóns de litros).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2023