O presidente da Xunta asistiu ao décimo aniversario da multinacional hoteleira Hotusa en Chantada

Rueda enxalza o papel das empresas para tirar proveito das oportunidades do rural galego en materia de turismo

Avanza que o turismo galego acadou o ano pasado un récord histórico que permitiu recuperar as cifras de antes da pandemia

Salienta as iniciativas do Goberno galego para dinamizar o rural e colocalo no centro das estratexias que se están a deseñar para a Galicia do futuro

Pon a figura de Amancio López, presidente do Grupo Hotusa, como exemplo de emprendedor que inviste na súa terra
 

Chantada (Lugo), 1 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o papel das empresas que apostan polo rural galego para tirar proveito das vantaxes e oportunidades que ofrece en materia de turismo e que casan co modelo turístico seguro e sostible que demanda o viaxeiro do século XXI e que tivo moito que ver cos éxitos cos que pechou o Xacobeo.  

Así o enxalzou na celebración do décimo aniversario da multinacional hoteleira en Chantada, onde o mandatario galego puxo a figura do seu presidente, Amancio López, como exemplo de emprendedor que inviste na súa terra e no rural. Rueda repasou a traxectoria do empresario hoteleiro, que acadou un futuro prometedor en Cataluña pero que non deixou de mirar pola súa terra e polos seus. “Un galego que exerce de galego” -dixo- e que quixo investir na súa Chantada natal, onde Hotusa abría unha oficina no ano 2012 con apenas seis empregados e que hoxe dá traballo a máis de 200. “Unha empresa familiar -puntualizou-, porque as grandes empresas galegas son empresas familiares”. 

O presidente da Xunta destacou que Hotusa foi un revulsivo para a comarca porque contribuíu a fixar poboación, creou emprego e puxo en valor o rural. Ademais, comprometeuse coa formación dos máis novos, xa que colabora coa Xunta no desenvolvemento da FP Dual, de tal maneira que preto dun cento de mozos melloraron as súas aptitudes profesionais no grupo hostaleiro. 

Un 40% máis de ocupación turística o ano pasado 

Rueda subliñou que a aposta de Hotusa, do sector turístico galego en xeral, e tamén da Xunta por un turismo sustentable e de calidade deu os seus froitos, como o demostran os datos globais de ocupación que vén de publicar o Instituto Nacional de Estadística (INE) e que confirman que Galicia pechou o 2022 cuns niveis de ocupación históricos, superando nun 40% os datos do ano pasado e mellorando incluso -cun incremento do 3%- os do 2019, antes da pandemia. 

A comunidade galega finalizou o ano pasado con máis de 6,5 millóns de viaxeiros aloxados e de 12,5 millóns de noites. Con estes datos, Galicia supera por vez primeira na serie histórica a barreira de 12 millóns de noites debido á excelente capacidade de recuperación da demanda e á incorporación dos albergues no cómputo global. 

As cifras melloraron tanto no turismo nacional como no internacional. O primeiro medrou un 22%, e o segundo duplica a cifra do 2021 coa chegada de 3,1 millóns de visitantes. Todas as tipoloxías turísticas superaron con creces os niveis de demanda do ano pasado, sendo os albergues os que presentan o incremento máis elevado, xa que superan en máis do dobre as cifras do 2021. 

Outras iniciativas para dinamizar o rural 

A Xunta de Galicia traballa tamén na posta en marcha de iniciativas para dinamizar o rural, con medidas para sacar o máximo partido do agro -como a Lei de recuperación da terra agraria ou axudas á mocidade que traballa no campo-, para promover iniciativas empresariais -con axudas aos concellos ou coa rede de polos de emprendemento-, ou para impulsar o emprego, atraer poboación ou superar a fenda dixital. Con ese obxectivo, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural promove tamén as aldeas modelo. 

O presidente da Xunta referiuse, ademais, á Estratexia Retorna, que persegue con éxito o camiño de volta dos galegos no exterior. Subliñou que na súa primeira fase acadou que retornaran 30.000 persoas e que o obxectivo da segunda, que xa está en marcha, e que o fagan outras 40.000. 

Ademais, o Goberno galego quere situar o rural no centro das estratexias que se están a deseñar para a Galicia do futuro, coa posta en marcha, da man da iniciativa privada, de proxectos como o Polo Aeroespacial de Galicia en Rozas ou a fábrica de fibras téxtiles que Altri quere instalar en Palas de Rei. Alfonso Rueda indicou que, para este tipo de iniciativas, a obriga das Administracións é dar facilidades ás empresas para que se asenten no territorio, e que a Xunta de Galicia está facéndoo coa creación de figuras como as iniciativas empresariais prioritarias ou os proxectos industriais estratéxicos, que pretenden apoiar ás empresas perante os novos retos que se lles presentan.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2023