Máis de 2.760 pacientes beneficiáronse da cirurxía de precisión dos robots Da Vinci desde a súa posta en marcha en 2021 no sistema sanitario galego

As intervencións con estes equipos de cirurxía robótica de precisión achegan importantes beneficios para os pacientes, os profesionais e os hospitais

Instalados en cada unha das sete áreas sanitarias galegas, o 40% das intervencións realizadas por estes equipos foron de cirurxía xeral e dixestivo, seguido de uroloxía (30%), xinecoloxía (15%), cirurxía torácica (8%) e otorrinolaringoloxía (3%)

84 cirurxiáns, 160 cirurxiáns asistentes, 200 profesionais de enfermería e anestesia e persoal de soporte técnico e analítico están formados para o seu manexo

O 98% dos usuarios dos Da Vinci que participaron na enquisa de satisfacción están moi satisfeitos cos resultados das intervencións

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023 Os equipos de cirurxía robótica de alta precisión Da Vinci instalados en xullo de 2021 nos 7 hospitais de referencia das áreas sanitarias realizaron un total de 2.761 cirurxías ata finais do ano 2022. Delas, 400 realizáronse no segundo semestre de 2021, e 2.361 no ano seguinte. Así o expuxo hoxe na Comisión 5ª do Parlamento o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, en resposta a unha pregunta parlamentaria relacionada coa actividade dos equipos de cirurxía robotizada no sistema sanitario público de Galicia.

 

Jorge Aboal detallou a actividade destes sistemas robóticos de alta tecnoloxía, que “supoñen importantes beneficios para os pacientes, os profesionais e os propios centros hospitalarios”. Así, segundo datos aportados polo director de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade, o 40% das intervencións realizadas por estes equipos foron cirurxías xerais e dixestivas, o 33% de uroloxía, o 15% cirurxías xinecolóxicas, o 8% torácicas e o 3% intervencións otorrinolaringolóxicas.

 

“O robot Da Vinci aumenta a mellora da destreza do cirurxián, ofrecendo unha ampla e nítida visión do campo operatorio, permitíndolle facer xiros e manipulacións imposibles de realizar sen este sistema e eliminando totalmente o tremor de mans. Todo isto axuda a acadar a máxima precisión por parte do profesional”, explicou Aboal, quen referiuse de seguido aos importantes beneficios que o seu uso aporta aos pacientes, como a “menor perda sanguínea, coa conseguinte menor necesidade de transfusións, a diminución da dor postoperatoria, as incisións pequenas e mellores resultados estéticos, a diminución da morbimortalidade ou a diminución da estadía media”.

 

De feito, Jorge Aboal explicou que o 98% dos case 1.000 pacientes dos Da Vinci que participaron nunha enquisa de satisfacción están moi satisfeitos cos resultados das intervencións.

 

O director xeral de Asistencia Sanitaria engadiu tamén os beneficios que o uso dos Da Vinci aportan aos hospitais, reducindo o número de transfusións ao diminuír as mesmas nas cirurxías, mellorando o rendemento nos quirófanos coa redución do tempo operatorio ou aumentando as camas dispoñibles ao reducirse a estadía media.

 

Jorge Aboal apuntou que para a posta en marcha dos Da Vinci realizouse un plan de formación e adestramento a persoal de todos os centros, que formou a 84 cirurxiáns, 160 cirurxiáns asistentes, 200 profesionais de enfermería e anestesia, así coma persoal de soporte analítico e soporte técnico.

 

Galicia aposta polo investimento en alta tecnoloxía en sanidade

 

“O Servizo Galego de Saúde fai unha clara aposta no investimento en alta tecnoloxía en sanidade, con vistas a mellorar a calidade e seguridade na asistencia sanitaria aos galegos, ofrecendo os últimos avances aos seus profesionais”, resumiu o director de Asistencia Sanitaria, quen avanzou tamén a previsión a futuro do uso dos equipos de alta tecnoloxía, que pasa pola equidade asistencial -podendo tratar toda a patoloxía diagnóstica mediante cirurxía robótica cando sexa a abordaxe de elección-, polo desenvolvemento e ampliación das actuais especialidades e pola incorporación de novas, pola ampliación do acceso de máis profesionais e pola incorporación do residente aos plans de cirurxía robótica Da Vinci.

 
Por último, Aboal destacou que a implantación homoxénea dos robots Da Vinci “puxo á nosa Comunidade á cabeza dos servizos de saúde”.

Data de actualización: 02/02/2023