A Xunta consensúa cos xefes de estudo das unidades docentes de atención primaria a formulación das alegacións de Galicia á nova normativa de formación MIR de Medicina de Familia

O goberno galego continuará a reclamar a flexibilización dos requisitos para acreditación de novas prazas acordada entre Ministerio e CCAA no ano 2018

Administración e responsables formativos preparan tamén a organización para a recepción en maio da maior promoción de residentes en formación da historia de Galicia tras unha oferta de 207 prazas nesta especialidade
 

Santiago de Compostela, 4 de febreiro 2023.-

Os xefes de estudo das unidades docentes multiprofesionais de atención primaria, responsables das comisións de docencia, e os responsables de formación sanitaria especializada de ACIS, mantiveron unha reunión na que analizaron o documento de proxecto de Orde do Ministerio de Sanidade, polo que se aproba e publica o programa formativo da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, os criterios de avaliación dos especialistas en formación e os requisitos de acreditación das Unidades Docentes Multiprofesionais de Atención Familiar e Comunitaria, co obxecto de coordinar o documento de alegacións que se remitirá desde Galicia.

 

A Xunta xa trasladou publicamente a súa preocupación sobre un documento que debería ter por obxecto flexibilizar e axilizar o procedemento de acreditación destas unidades, pero que dificilmente o poderá conseguir coa redacción proposta.

 

O goberno galego lembra que a flexibilización dos requisitos para poder crear novas prazas formativas nesta especialidade foi un acordo unánime entre gobernos autonómicos e Goberno central no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en abril do ano 2018, e constata que, case cinco anos despois, a primeira proposta do Ministerio para mudar estas normas non responde ao obxectivo acordado.

 

Recepción da maior promoción de médicos residentes da historia de Galicia

 

Doutra banda, nesta reunión de traballo planificáronse aquelas accións que deberán acometerse como consecuencia da incorporación en maio de novos residentes para a súa formación como especialistas de medicina familiar e comunitaria.

 

Lembremos que este ano a convocatoria de prazas para a súa incorporación no Sergas é a maior da serie histórica, alcanzando as 207 prazas, 65 máis que na convocatoria do ano pasado, o que supón un incremento do 46%.

 

Polo tanto, será o ano en que en Galicia haberá máis residentes MIR en formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria de toda a historia.

 

Galicia, que convocou o 100% das prazas que ten dispoñibles, foi a comunidade con maior incremento de prazas na oferta deste ano de todo o Sistema Nacional de Saúde. De feito, as 65 prazas creadas por Galicia supoñen máis da metade de todo incremento de prazas formativas de esta especialidade no conxunto de España (119) nesta oferta.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2023