A Xunta inclúe a Colección Comodato Colmeiro do Concello de Vigo no Catálogo de patrimonio cultural de Galicia

A colección está formada por 166 obras (21 óleos e 145 debuxos) do pintor galego datadas entre 1924 e 1976
 

Manuel Colmeiro Guimarás está considerado unha das figuras máis relevantes da historia da arte galega
 

Vigo, 4 de febreiro de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades acordou a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da Colección Comodato Colmeiro no Concello de Vigo.

Así, o departamento autonómico responde ao documento achegado pola Administración local no que solicita a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia dun conxunto de 166 obras do artista Manuel Colmeiro Guimarás cedido polos herdeiros do pintor en réxime de comodato ao Concello de Vigo.
 
A Xunta explica na súa resolución que o acordo chega “á vista dos documentos que forman parte do expediente en que se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor artístico”.
 
Nacido en Chapa (Silleda), Manuel Colmeiro emigrou a principios do século XX a Sudamérica, lugar ao que viaxou tres anos despois que os seus pais, e foi en Buenos Aires onde se iniciou nos estudos pictóricos antes de regresar a Galicia en 1926. Exiliado de novo tras a Guerra Civil, abandonou A Arxentina en 1949 para trasladarse a París, onde desenvolveu gran parte da súa obra.
 
No ano 2017, a familia do pintor rubricou a cesión gratuíta á cidade de Vigo dunha importante selección da obra dun dos artistas galegos máis relevantes do século XX. Cunha raíz profundamente galega e cunha proxección excepcional no ámbito internacional, está considerado unha das figuras máis relevantes da historia da arte galega. Foi membro senlleiro do grupo “Os Novos” e participou activamente na renovación que experimentou a plástica galega durante os anos 30 do pasado século XX.

Data de actualización: 04/02/2023