Galicia e Canarias avanzan no seu proxecto conxunto de observación da biodiversidade con vehículos non tripulados

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, reuniuse co xerente do Parque Tecnolóxico de Fuerteventura, Eduardo Pereira, para sentar as bases do proxecto e afianzar os detalles da colaboración entre as administracións

Este proxecto conxunto, no marco do Polo Aeroespacial, permitirá non só a captura de información, senón tamén o tratamento e análise intelixente de datos para administracións, comunidade científica e entidades privadas

Babcock e Telespazio son os encargados de desenvolver as tecnoloxías e a infraestrutura dixital de xestión de misións por parte de Galicia

A delegación galega participou tamén en reunións de traballo en Gran Canaria con Carlos Navarro, director da Axencia Canaria de Investigación, Innovación e Sociedade da Información; e visitou e mantivo encontros con representantes do Centro Espacial de Canarias do Inta, do Instituto Tecnolóxico de Canarias (ITC) e da Plataforma Oceánica de Canarias (Plocan)

Fuerteventura (Canarias), 7 de febreiro de 2023 Galicia e Canarias avanzan na súa colaboración para desenvolver tecnoloxías e impulsar misións que permitan a observación e estudo da biodiversidade utilizando vehículos non tripulados, plataformas satelitais e pseudo-satelitais (HAPS). Un equipo da Axencia Galega de Innovación, encabezado pola súa directora xeral, Patricia Argerey, participou onte nunha reunión de coordinación institucional co xerente do Parque Tecnolóxico de Fuerteventura, Eduardo Pereira, para sentar as bases do proxecto e afianzar os detalles da colaboración entre as Administracións que van desenvolvelo.

 

Esta cooperación interterritorial realízase no marco do Plan Complementario de Biodiversidade impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e cofinanciado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, do que son beneficiarias as dúas comunidades autónomas, ademais de Andalucía, Asturias, Illas Baleares, País Vasco e Estremadura. Esta alianza estratéxica reforza o camiño emprendido por Galicia en 2015 no Polo Aeroespacial de Galicia, ao que se suma o proxecto que promove o parque tecnolóxico de Fuerteventura, co apoio do Goberno de Canarias e do Cabido de Fuerteventura.

 

Galicia dará resposta aos retos de biodiversidade a través do desenvolvemento de tecnoloxías nas que participa o ecosistema de pemes e centros de coñecemento galegos, nos consorcios artellados por Babcock e Telespazio. Canarias, pola súa banda, focalízase na realización de misións e, por tanto, na economía do dato, a través da observación e xestión intelixente da biodiversidade, con aplicacións específicas para os servizos prestados polas administracións públicas, comunidade científica ou entidades privadas.

 

Canarias ten actualmente aberto o procedemento de licitación para a selección das empresas que executarán este proxecto. Pola súa banda, Babcock -socio estratéxico da Xunta asentado xa en Galicia desde 2015- e Telespazio -que acaba de sumarse ao Polo tecnolóxico galego- son os líderes do programa de I+D da Civil UAVs Initiative. Coa colaboración de 26 empresas e centros de coñecemento, ambas empresas desenvolverán en Galicia plataformas tecnolóxicas de longo alcance específicas para misións de observación, captura e procesamento de datos de biodiversidade, desenvolvemento e integración dun amplo conxunto de sensores especializados en observación da biodiversidade e unha plataforma integral de xestión dixital de misións con drons, capaz de xerar plans de voo de forma automática e que ten unha grande eficiencia de custes. Estas novas solucións dan resposta a novos retos tecnolóxicos como a vixilancia de humedais, e doutros espazos naturais ou a observación de impacto das infraestruturas humanas sobre o medio ambiente.

 

Os dous territorios son os que recibiron máis financiamento do Plan Complementario de I+D+i Biodiversidade. Galicia obtivo 12,34 M€ e achega 11,29 M€ de fondos propios, incluídos dentro do orzamento do Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2026, para o desenvolvemento destas actuacións. 

 

Os plans complementarios constitúen un instrumento dirixido a establecer colaboracións coas comunidades autónomas en proxectos de I+D que teñan obxectivos comúns baseados nas Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) estatal e autonómicas. Galicia xa conta con 22,6M€ doutros tres plans complementarios para avanzar no Polo das tecnoloxías cuánticas, na biotecnoloxía aplicada á saúde e nas ciencias mariñas.

 
A delegación galega mantivo tamén reunións de traballo na Agencia Canaria de Investigación, Innovación y Sociedad de la Información, en Gran Canaria, con representantes do Centro Espacial de Canarias do Inta, do Instituto Tecnológico de Canarias (ITC) e da Plataforma Oceánica de Canarias (Plocan).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023