A Xunta agarda que a decisión do Tribunal Supremo supoña unha oportunidade para o avance industrial de Galicia
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegura que é unha boa nova para todos os traballadores e que demostra que industria e preservación do medio ambiente son compatibles
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegurou esta tarde que a decisión do Tribunal Supremo sobre a continuidade de Ence na ría de Pontevedra é unha oportunidade para o avance industrial da Comunidade.
En declaracións aos medios, Conde destacou que se trata dunha “boa noticia para os traballadores e as súas familias e para todo o sector forestal, loxístico e portuario de Galicia, así como para a industria galega”.
O vicepresidente económico explicou que con esta decisión “se está demostrando que é perfectamente compatible unha actividade industrial na costa coa protección do medio ambiente, acreditando que en Galicia sabemos preservar o medio natural impulsando a economía industrial”.
Conde rematou confiando en que a sentenza permita á empresa reafirmar o seu compromiso con Galicia. Deste xeito, pode contribuír a dar un novo impulso para o proxecto da biofábrica nas Pontes, reafirmando a aposta pola economía circular baseada en produtos forestais.