O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia

A Xunta destina este ano máis de 11 millóns de euros ao complemento autonómico do Bono social térmico, case o dobre que na convocatoria anterior

Este incremento orzamentario obedece á subida nun 50% desta achega do Gober-no galego, que pasa de 100 a 150 euros por persoa

Tamén se duplican os fondos que destina a Administración autonómica a comple-mentar o bono social eléctrico, ata chegar aos 4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023

A Xunta destinará este ano máis de 11 millóns de euros ao complemento autonómico do Bono social térmico do Goberno central, o que supón practicamente o dobre que na convocatoria anterior. Así o sinalou esta mañá o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, na súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia.

 

Arturo Parrado explicou que este incremento obedece á subida nun 50% deste complemento implantado polo Executivo galego, que pasa de 100 a 150 euros por persoa. Ademais, destacou o elevado grao de execución orzamentaria deste programa nas súas convocatorias de 2020 e 2021, a pesar da tardanza do Executivo central en transferir os fondos ás Comunidades Autónomas, o que motiva que aínda estea sen executar o bono social térmico da convocatoria de 2022.

 

Así mesmo, o director xeral tamén se referiu ao Bono social eléctrico, indicando que se levan concedidas preto de 34.000 axudas autonómicas para complementalo, das cales 15.600 déronse no que levamos de lexislatura. Tamén subliñou que este ano a Xunta duplicará os fondos para este bono ata os 4 millóns de euros.

 

Máis axudas para as familias con dificultades

Na súa intervención, Arturo Parrado defendeu as medidas que está a adoptar o Goberno galego para facer fronte ao encarecemento do custe da vida e apoiar ás familias que peor o están a pasar. Ademais do aumento do orzamento destinado ao complemento autonómico dos bonos sociais térmico e eléctrico, salientou a subida nun 8% das contías da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) e das Axudas de Inclusión Social (AIS); así como do complemento que a Xunta paga ás persoas perceptoras de pensión non contributivas.

Data de actualización: 16/02/2023