A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta en Lugo, informou de que os interesados terán ata o 18 de abril para trasladar as súas achegas, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia

A Xunta somete a información pública o proxecto da Rolda Leste de Lugo, que segue o trazado do PXOM e atende unha vella demanda da cidade cun investimento autonómico de 19,6 M€

Ethel Vázquez sinala que se trata de facer realidade unha vía de novo trazado de case 2,9 km, dándolle continuidade ao treito xa en servizo ata a N-VI e pechando o cinto de circunvalación previsto no Plan Xeral de Lugo

Incide en que o trazado se optimizou para garantir mínimas afeccións paisaxísticas e ambientais, ofrecendo aínda maiores garantías sobre a reserva viaria prevista no PXOM

O novo tramo da Rolda Leste afástase ao máximo do río Rato e suporá unha gran diminución do tráfico da estrada provincial na contorna do parque, diminuíndo ruídos e emisións nesa zona
 

Lugo, 3 de marzo de 2023

A Xunta somete desde hoxe a información pública o proxecto da Rolda Leste de Lugo, que segue o trazado marcado polo PXOM e atende unha vella demanda da cidade cun investimento autonómico de 19,6 M€.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe en rolda de prensa a actuación coincidindo con este novo avance administrativo no proxecto da Rolda Leste de Lugo, tras a aprobación provisional do trazado a finais de febreiro.

 

Resaltou que o proxecto de trazado se optimizou para garantir mínimas afeccións paisaxísticas e ambientais, ofrecendo aínda maiores garantías sobre a reserva viaria prevista no PXOM. Ademais, incidiu en que a infraestrutura se afasta ao máximo do río Rato e suporá unha gran diminución do tráfico da estrada provincial na contorna do parque, diminuíndo ruídos e emisións nesa zona.

 

Vázquez Mourelle explicou que se trata de facer realidade unha infraestrutura coa que a Xunta quere seguir facendo cidade en Lugo, completando a Rolda Leste e pechando ese cinto de circunvalación previsto no PXOM de Lugo, dándolle continuidade o treito que resta desde a estrada autonómica LU-530 ata a N-VI.

 

A conselleira informou que o Diario Oficial de Galicia anuncia hoxe o inicio da fase de información pública do proxecto de trazado, tamén a efectos expropiatorios -porque a execución desta infraestruturas afectará a un total de 135 fincas-, que permanecerá aberto por un prazo de 30 días hábiles a contar desde mañá, é dicir, ata o 18 de abril. As achegas recibidas serán analizadas, incorporándose aquelas que se consideren viables desde o punto de vista técnico, de cara á aprobación definitiva do proxecto.

 

A titular de Infraestruturas avanzou, ademais, que o proxecto construtivo está xa contratado, polo que a Xunta irá traballando de modo paralelo, co obxectivo de que no verán poida estar xa elaborado para proceder á licitación das obras, que se espera poder realizar este mesmo ano, se se dispón dos informes sectoriais preceptivos que se recabarán na fase de información pública que agora comeza.

 

Ethel Vázquez detallou que esta nova actuación da Xunta na cidade define unha vía de novo trazado de case 2,9 km que se inicia onde remata a actual Rolda Leste, na glorieta coa LU-530, e irá ata o enlace coa N-VI.

 

Sinalou que será unha infraestrutura en sección autovía con calzadas separadas pola que se poderá circular a un máximo de 100 km,/hora. A nova infraestrutura manterá unha sección moi similar ao treito que xa está en servizo: con 2 carrís por sentido de 3,5 metros cada un; beiravía interior de 1 metro; e exterior de 2,5 metros, ademais da mediana de separación.

 

O trazado terá unha pendente máxima do 5% e inclúe 2 pasos superiores; 3 pasos inferiores; ademais dos camiños de servizo a ambas as marxes da nova vía ao longo de 3 km de lonxitude.

 

Dúas desas estruturas serán singulares, pola súa funcionalidade: o paso inferior para salvar a vía do tren; e o viaduto que permitirá superar o val do Rato e desembocar na rotonda da avenida de Madrid. Neste caso será un viaduto de 120 metros de lonxitude sobre a canle e o parque do río Fervedoira, que se optimizou sobre o seu plantexamento inicial reducindo a súa lonxitude para minimizar afeccións.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé no valor engadido desta infraestrutura, beneficiosa, funcional e que reforzará a seguridade viaria, mellorando tamén a mobilidade na cidade, pechando ese anel perimetral da trama urbana que alivie atascos e faga o tráfico máis fluído na zona leste da cidade.

 

Tal e como incidiu, a vía terá aínda unha maior funcionalidade que o treito xa en servizo de 2,4 km de lonxitude en sección autovía, que discorre entre a N-640 e a LU-530, e polo que circulan entre 6.000 e 8.000 vehículos/día. Así dixo,  a intensidade media estimada de tráfico da nova vía será de 11.000 vehículos días, podendo chegar a acadar no futuro 14.000 vehículos/día.

 

Subliñou que este novo tramo da Rolda Leste suporá unha conexión máis rápida do sur da cidade co hospital; tamén coas áreas empresariais das Gándaras e O Ceao, ademais do centro comercial. Ademais, engadiu, sacará tráfico de rúas como a rolda de Fontiñas e da contorna da futura estación intermodal; e tamén alixeirará de xeito notable o tránsito de vehículos na contorna do parque do río Rato, o que suporá unha gran mellora, en canto a diminución de ruídos e de emisións nunha zona de esparexemento da cidade.

 

Ethel Vázquez indicou en que esta actuación, que a Xunta considera estratéxica e necesaria, levouna a optimizar ao máximo o proxecto co fin de que teña o menor impacto paisaxístico e ambiental, mantendo a súa funcionalidade, seguindo o trazado marcado polo Plan Xeral Municipal, e coa que se pretende atender unha vella aspiración da cidade.

 

A conselleira amosou o compromiso da Xunta de traballar para comezar a materializar, canto antes, a Rolda Leste de Lugo, á que se destinará un investimento autonómico preto de 20 M€, tendo en conta os terreos necesarios.

 

Ethel Vázquez puxo en valor este actuación coa que a Xunta quere seguir facendo cidade en Lugo, tras os importantes investimentos que está a realizar, como é o exemplo da recuperación do barrio da Residencia. Esta actuación, que cualificou estratéxica e na que o Goberno galego está a investir máis de 32 M€, inclúe equipamentos como o Centro Integral da Saúde, a Oficina de formación e emprego, a Central de biomasa ou a Residencia da 3ª idade, que está previsto culminar na súa totalidade no verán.

 

Tamén se referiu aos avances nos trámites administrativos para a reforma integral do Centro de Saúde da Milagrosa, cun investimento de 2,5 M€; ou ao aparcadoiro disuasorio que habilitará a Xunta na Avenida de Breogán, con preto de 150 prazas nas proximidades dos accesos da N-6 e da N-540 no que se van a investir máis de 1 M€.

 

Ademais, Ethel Vázquez destacou a estación intermodal, que a Xunta está a impulsar en colaboración co Concello e Adif, que suporá un investimento global de preto de 50 M€: achegando a Xunta 13,6 M€ para a estación de autobuses intermodal e tamén o 37,5% do custo do aparcadoiro.  Indicou que a Xunta xa ten iniciada a tramitación urbanística da estación de autobuses e agarda poder asinar en breve o convenio de colaboración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023