A Xunta organiza novas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas para estudantes de secundaria na área de Ferrolterra

Aos espectáculos, talleres e cine do programa D´tec da Axencia Galega de Innovación súmanse agora os campamentos científicos
 

O primeiro celebrarase en Semana Santa do 3 ao 5 de abril en horario de mañá no CIS Tecnoloxía e Deseño e a inscrición, que se realizará por orde de chegada, xa está aberta
 

Ferrol, 13 de marzo de 2023

A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, segue a traballar no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e da innovación como factores clave para o desenvolvemento e o crecemento de Galicia. Con tal fin, dentro do seu programa D’tec, celebrará esta Semana Santa un campamento científico centrado nas áreas de coñecemento do Centro de Innovación e Servizos, relativas á innovación, a tecnoloxía, os novos materiais e o deseño.

O campamento, dirixido a alumnado de educación secundaria, desenvolverase os días 3, 4 e 5 de abril en horario de 10 a 14 horas. Esta iniciativa xorde como unha nova actividade do programa, xunto coa oferta de espectáculos, talleres científico-tecnolóxicos e cine que se levan a cabo para os centros educativos.

Durante as tres xornadas, os participantes realizarán un conxunto de actividades prácticas, que irán desde deseñar e producir produtos mediante impresión 3D ata familiarizarse con contornas de creación de contidos de Realidade Aumentada e Virtual ou iniciarse na programación de placas programables.

A iniciativa ten por finalidade ofrecer ás familias e á mocidade a posibilidade de aproveitar os días de lecer para achegarse a contidos complementarios aos que se desenvolven nos centros educativos e fomentar nela o interese pola ciencia, a innovación e a tecnoloxía.

Esta actividade é totalmente gratuíta e conta nesta primeira edición cunha oferta de corenta prazas para estudantes de educación secundaria obrigatoria (12-16 anos).
A inscrición que se realizará por orde de chegada está aberta ata o 28 de marzo de 2023 a través da
web.

Balance programa D´tec

A través do programa D’tec, a Axencia Galega de Innovación desenvolveu desde 2019 un total de 94 actividades entre talleres, espectáculos e proxectos escolares nas aulas, nas que participaron máis de 4000 estudantes de 85 centros.

Data de actualización: 13/03/2023