A Xunta convoca a través da Agasp cursos de reciclaxe de socorrismo acuático

Trátase de formación válida para a renovación da inscrición no ‘Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia’

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de tres edicións do curso enmarcado no plan de formación da Academia Galega de Seguridade Pública para 2023

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de tres edicións dos cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia. Con estas accións arrinca o plan formativo da Academia dirixido a persoal profesional socorrista de Galicia, no que se inclúen 46 cursos con 1.610 prazas.

 

Das edicións convocadas hoxe, dúas están dirixida aos profesionais que desenvolven a súa actividade en instalacións acuáticas. Estas celebraranse no concello da Estrada a finais deste mes e no de Cervo no mes de xullo. A outra edición diríxese aos profesionais que desenvolven a súa actividade en espazos acuáticos naturais e terá lugar no concello de Sanxenxo a finais de marzo e comezos de abril. Todos os cursos teñen carácter presencial, 16 horas de duración e contan con 35 prazas.

 

As persoas interesadas en participar nestas accións formativas dispoñen de sete días naturais contados a partir de mañá para formalizar a súa inscrición, que deberá facerse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

 

Ambas as accións enmárcanse no plan de formación previsto pola Agasp para 2023 dirixido ao persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia. O programa dispón de case 8.300 prazas para realizar máis de 12.000 horas lectivas nas 280 accións formativas organizadas para profesionais socorristas, voluntarios de Protección Civil, efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), e axentes forestais e ambientais.

 
Data de actualización: 14/03/2023